Brevísima farsa do Antroido de Outeiro de rei da Terra Chá
A escea desenrólase na Praciña do Concello da Vila, que é triangular. A Comparsa sale do café “O Pozo”.
Aparecen dous heraldos vestidos de moitas cores tocando unhos cornos enormísimos. Seguidamente persóase unha Procesión de moito carano, provista dos instrumentos máis variados para meter ruído. Manuel de Paderna, disfrazado, cabalga un burro grandísimo.
Aínda que é media tarde loce un Sol disconforme e ao mesmo tempo, unha Lua competentísima.
Manuel de Paderna:
Eu son Don Capitón,
Alcalde deste Concello.
¡A quen me diga que non
úntolle o aparello.
Procesión (A Coro)
¡Moi ben, moi ben...!
¡Quen ten, non ten!.
¡O que non ten, ten!.
Manuel de Paderna:
¡Esta reata de bestas
que teñen coios por testas,
son os concelleiros meus,
baballocas e baldreus...!.
Procesión (a coro)
¡Os conselleiros teus...!
Moi bien, moi bien
E o noso Alcalde tamén!.
Manuel de Paderna:
¡Orneade como sabedes,
que é para o que valedes!.
Procesión (a coro)
¡Oj, oj, oj, oj, 00jjjj...
Manuel de Paderne (Tirando dun pistolón descomunal)
¡Calades ou non calades!
¡Non me obriguedes a civilizarvos!
(A Procesión enmudece e non chía)
Manuel de Paderna:
¡De xoenllos!.
(A procesión axoénllase)
Manuel de Paderna:
¿qué queredes que vos faga?
Procesión:
Que aumentes o tamaño das tres farolas que están na praza!.
Manuel de Paderna:
¡Está ben! ¡En pé!
¡Atendede e abride os ollos!.
(A Procesión ponse de pé a abre unhos ollos de dous metros e trinta e cinco centímetros con dous milímetros.
Manuel de Paderna:
¡Atendede con atención
e con toda educación!.
¡Poñede os cinco sentidos
e agrandade os ouvidos!.
(Os ouvidos da Procesión fanse grandes como uneis)
Manuel de Paderna:
Farolas descomunais:
¿Alumais? ¿No alumais?
¡Fuxide prá escuridade
onde a vosa necedade
faga algo de claridade!.
Podedes levar convosco
a morrala deste povo.
¡E que apareza de novo
o noso vello quiosco!.
(As farolas comezan a correr a todo meter e desaparecen. No seu lugar, por arte do MAGO ANTÓN e de XOSÉ MANUEL CARBALLO FERREIRO aparece o vello e fermoso QUIOSCO da música coa súa forma de estrela de oito puntas)
(A Procesión queda abraiada)
Un da procesión:
¡Me cago na vida, me cago na tos,
me cago nos grandes e nos pequenos!.
¡Eu dimito como concelleiro!.
A Procesión (a coro):
¡Eiquí non dimite ninguén!.
Non é un home de ben
quen
presenta a súa dimisión
sen ter en consideración
a esta Corporación.
Un da Procesión:
¡Pois xa non dimito!.
Procesión (a coro):
¡O noso saber
é calar e obedecer!.
Manuel de Paderna:
¡Está ben canto acordedes!
¿Bebedes ou pacedes?
¿Que desexades agora?
Procesión (a coro):
Que este esquecido Concello
sexa máis alto e cadrado
pra que este povo tan vello
sexa máis mangoneado.
Manuel de Paderna:
Estade atientos
e quedaredes contentos.
(Pausa)
¡Ouh tobeira caciquil,
casa pesada e cadrada:
¡vólvete brisa de abril
e faite rosa rosada!.
(O Caserón do Concello transformase nunha casa normal e fermosa con flores na solaina e sorrisa nas fiestras)
Procesión:
¡Este non pode ser o noso Alcalde!.
¡Don Capitón non tén maxia!
¡Que tire a máscara!
¡Que tire a máscara!.
(Mentres a Procesión fala, Paderna, súpeto coma un alustre, ponlle unha máscara a Don Capitón, que andaba por lí de paspán, disfrazado de coello. Paderna desaparece e Don Capitón, sen saber como nen cando, queda no lugar de Paderna).
Don Capitón (Detendo a Procesión):
¡A máscara non!.
¡Estamos no Antroido e a máscara é sagrada!.
¡Ai do que lle toque!.
(A Procesión recua)
Don Capitón:
¡Puxeron a esta nosa Vila que dá noxo ollala!.
¡Corporación de meu: compre voltar todo ao seu
ser e estado! ¡Tirade o quiosco!.
Procesión:
¡Non o tiramos!.
¡Queremos o noso vello Quiosco!.
Don Capitón:
Polas boas ou polas mala xa o tiraredes.
Procesión:
¡Non, non e non!.
¡Noooooooooooooon!
Don Capitón:
¡Derrubade ese noxo de Casa do Concello
e erguede outra máis alta e máis cuadrada!.
Procesión:
¡Non obedecemos!.
Don Capitón:
¿Onde se ollou aos mandados desobedecer
ao seu mandón ou mandador?
¡Heivos fusilar por sediciosos
e separatistas!.
Procesión:
¡Ja, ja, ja, jjjaaa!.
Don Capitón:
Escoitade animais
as miñas palabras inmortais.
¡Ouh, casa do Axuntamento,
que eras fermoso moimento
pró noso ben e lecer,
volta de novo ó teu ser!
¡Porco quiosco quiosqueiro:
faite outra vez candieiro!.
(Don Capitón repite varias veces a anterior Invocación sen resultado)
No camiño que vai á Casa de Hortas, Paderna observa a escea e, cunhas enormes maus invisibeis, pousadas sobre o Quiosco da música e da Casa do Concello impide que a Invocación de Don Capitón teña eficacia.
A Procesión comenza a revirarse contra Don Capitón.
A Procesión:
¡Farsante, fariseo, baballocas, baldreu, cacicón, comedor, impotente, burra quente, Antroido, Antroido, Antroido...!.
¡Con el ao río, ao río... ao rrríííooo...!
(Os da Procesión rodean a Don Capitón, átano, póñeno nunhas andias, lévano en procesión e chimpan con el no Miño, caudal e contaminado. Mentres dura a anterior cerimonia, soan chocallos, cornos, latas vellas, carracas...)
Procesión:
¡Ti eres o Patrón
da contaminación!.
¡Vai pró teu reinado
enlarafouzado...
¡Rei do Antroido,
levántalle o rabo
e bícalle o coiro!.
(Mentras tanto, Manuel de Paderna, moi gustoso e recreado, acabalo dunha Nube, contempla esta escea exemplar fumando un puro habano e tomando café con pingas. Cando Don Capitón cai no río, con enormísimo estrondo, as augas enmourecen máis e despiden un cheiro a esterqueira que non hai quen o aguante).
Procesión:
¡Sálvese quen poida!.
¡Sálvese quen poida!
¡Sálvese quen poida...!.
(Saen todos correndo con grande troupeleo e Cai o Pano, se é que o hai).
( Do libro “Máis de media ducia de escritores chairegos e o antroido”, publicado en 1993 pola Asociación cultural “Val de Francos”.