Dúas semanas e media de festa
A pesar dos esforzos dalgunhas asociacións culturais ou mesmo de grupos de amigos, cada vez o Entroido ou Antroido vaise cinguindo máis a catro ou cinco días: sábado, domingo, luns e martes. Despois, xa na Coresma cristiá, pode haber tamén festa, en particular o mércores de cinza, e o sábado e domingo seguintes. Antes isto non pasaba, pois era a Igrexa a que non permitía celebracións de carácter lúdico durante o tempo que media entre o mércores de cinza e o domingo de Pascua.
As principais características desta celebración son: a inversión de valores (os homes visten de mulleres, estas de homes, os pobres de ricos, estes de pobres...); a liberdade de expresión (é corrente a crítica, mesmo dirixida a autoridades e institucións, impensable noutra época do ano), o poder actuar libremente (as máscaras gozan de dereitos tradicionais de inmunidade aínda que se metan cos demais), etc.
A festa do Entroido é movible e anda coa Pascua, polo que a súa datación agora é plenamente cristiá, a pesar de que conte con elementos que poden ser máis antigos. O domingo de Entroido ou “Domingo Gordo”, como se lle di nalgunhas zonas, é 49 días antes do da Pascua de Resurrección.
A duración tradicional ven ser dúas semanas e media, aínda que actualmente xa non se cumpran, agás casos contados. Empeza co “Domingo Fareleiro”, pasa ó “Xoves de Compadres”, ó “Domingo Corredoiro”, ó “Xoves de Comadres”, e ó “Domingo de Entroido”, e xa seguido, o luns e o martes. Por tradición, máis non é así en todas partes, o mércores de cinza ten lugar o “Enterro da Sardiña” ou do Entroido.
Hai poboacións onde o primeiro día penduran dunha árbore ou mesmo ventá ou balcón un boneco grande de palla, que ven ser o Meco, un personase misterioso e lexendario. Así bota ata o derradeiro día de festa en que é levado en procesión, acabando por ser queimado, guindado a un río ou mesmo enterrado.
Domingo Fareleiro
O elemento máis importante deste día é o farelo ou relón de fariña, e os protagonistas, como case durante todo o Entroido, as mozas e os mozos. Ademais das pelexas entre uns e outros, que rematan con verdadeiras nevadas de farelo, non faltan os sons musicais propios destas datas, coma os toques de cornos ou buguinas, de ferranchos, latas ou potas vellas. Son os primeiros anuncios.
A fariña é o elemento tradicional, pero tampouco faltan os que prefiren a cinza, botándoa do mesmo xeito, tanto ós curiosos espectadores como ás outras máscaras, por iso tamén se soe chamar “Domingo Borrallento”.
Aínda que depende das usanzas de cada zona, é por estas datas cuando empezan a aparece-los primeiros burros, que son figuriñas de papel que poñen uns ós outros sen sabelo. Os demais, ó pasar, berran “burro, burro”. Nas escolas dura máis dun día. O normal, aínda que poden pendurar figuriñas ós compañeiros, é meterlle un papeliño nos petos, carteiras... onde sexa. Ó descubrilo, áchase cun burriño debuxado e co seguinte texto: “Burro son, patas teño, pero máis burro é o que o está lendo”.
Nalgunhas bisbarras os burros métense o seguinte domingo.
Xoves de compadres
Tal día os protagonistas son as mozas. Fan bonecos de palla que levan espetados na punta dun pau. Os mozos queren quitarllos, armándose pelexas, nas que interveñen o relón, a borralla e mesmo a auga. Trátase dunha simbólica loita entre mulleres e homes.
Os que seguen no poder das mozas ata a noitiña, son entón queimados entre berros, aturuxos e cántigas.
Ás veces fan, ou facían, un grande de palla chamado “O Lardeiro”, que remata do mesmo xeito que os pequenos.
Nalgúns sitos esta data adícana ás comadres.
Domingo Corredoiro
O seu desenvolvemento é semellante ó do domingo anterior, pero ademáis, ás veces xunto co farelo e coa cinza interveñen as formigas, que apañan vivas nos formigueiros e que despois van guindando ós espectadores ou mesmo ás outras máscaras. Tamén pode intervir a auga, que botan con cichotes.
Quizais a denominación deste día se deba a que tradicionalmente era cando se facía a “Corrida do galo”.
Por estas datas era tradicional o “Xogo das olas” (ou Cachelas), que consiste en coller unha ola e ila arrebolando duns a outros, todos en corro. Perde o que a deixa caer e escacha. Este xogo, moi popular noutros tempos nalgunhas bisbarras galegas, podía ser mixto ou intervir só homes ou mulleres. Actualmente non se celebra máis que en Xinzo de Limia o “Domingo Oleiro”.
Xoves de Comadres
Desenvólvese de xeito xemellante ó Xoves de Compadres, só que os protagonistas son os mozos que andan con bonecas que lles queren sacar as mozas. Rematan sendo queimadas á noitiña. Onde fan unha soa, chámanlle “A Lardeira”.
Domingo de Entroido
Este, xunto cos dous días seguintes, é a grande data, na que nunca faltan máscaras, comparsas e cortexos.
O martes, ademais dos disfraces, é o día sinalado para as comidas, aínda que varían algo segundo a zona. Entre as carnes a preferida segue sendo a de porco e, en particular, a cacheira ou cachucha, o lacón con grelos e o botelo. Como postres, as filloas, as chulas, as orellas, as flores e a vincha (especie de doce que se fai con leite, ovos, manteiga e pan, que se mete na vincha do porco e se deixa curar no caínzo o mesmo que os chourizos. Cómese cocida, pero cociñada con moito coidado para que non rebente).
Ó remate deste día empeza a Coresma e, polo mesmo, o tempo de sexún e abstinencia da relixión cristiá. Ata non hai moitos anos era a data que sinalaba a fin de comer carne deica a Pascua. Por iso se canta:
Adeus martes de Entroido, adeus meu amiguiño ata o domingo de Pascua non comeremos touciño.
O enterro da sardina
Con el remata o Entroido. Ten lugar o mércores de cinza pola tardiña, aínda que tamén se pode celebrar o martes e mesmo o domingo seguinte, coñecido por Domingo de Piñata. Consiste na parodia dun enterro, no que non faltan os cregos, autoridades, choronas e, por suposto, acompañantes. A sardina ou o Entroido vai dentro dun cadaleito e os demais detrás. Nun lugar xa determinado (preferentemente unha praza), detense a comitiva e dan comezo os discursos burlescos referidos case sempre á festa que remata e á coresma que vai entrar.
O ataude coa sardina dentro ou cunha figura que pode ser a do Meco ou Entroido – que leva dende que empezou a festa pendurada dun balcón ou árbore-, vai parar a un río, é queimado ou mesmo enterrado.
O carnaval urbano
Ata aquí centrámonos sobre todo no Entroido rural-vilego, que foi o que conservou máis elementos antigos, de imposible datación e procedencia. Como pasou sempre, as cidades foron as primeiras en acoller as modas e novidades alleas. As máscaras visten máis fino, sen ningún elemento digamos tradicional, e xúntanse nos salóns de baile ou en desfile de carrozas, pero non se mesturan co público como as demais. Os seus centros son os casinos, liceos, círculos, asociacións, clubes, etc. Carecen, por suposto, da agresividade das máscaras rurais e vilegas.
En Galicia sobresairon dende o século pasado e ata a guerra civil de 1936-39 en que foron prohibidas as festas da Coruña, Pontevedra, Ourense, Lugo, Tui, Vigo, Ferrol... e en xeral as de todas as vilas grandeiras nas que a “buena sociedad” e a “burguesía” gostaban de imitar o foráneo. En Pontevedra, por exemplo, foi sonado o Rei Urco, entronizado na década dos anos setenta do século XIX. Pola súa banda, na Coruña adoitábanse representar por estes días “Apropósitos” carnavalescos, é dicir, pequenos sainetes ou farsas teatrais. O primeiro coñecido data de mediados do século XIX.
Clodio González Pérez “As festas cíclicas do ano” Museo do pobo galego, 1991.