Entroido en Cambados
A praza do Concello acollerá os concursos de disfraces e carrozas, mentres que no salón José Peña celébrase o baile infantil aberto e gratuito. O alcalde, Luis Aragunde, e o pintor Lino Silva presentaron hoxe o cartel promocional das celebracións do Entroido 2015 que se deseñou a partir dun cadro do gran artista cambadés que representa o ambiente da “choqueirada”. Foi unha das primeiras obras realizadas polo pintor unha vez que abandoou o hospital de Montecelo, onde se recuperou dun grave accidente doméstico.
Por primeira vez, o Concello recurre á inspiración dun artista para plasmar a súa peculiar visión do Entroido animando á xente a participar nos festexos máis irreverentes do ano. Para Lino Silva foi unha experiencia satisfatoria pintar os personaxes carnavaleiros tras sair do pesadelo que supuxo o longo internamento hospitalario.
O alcalde suliñou que se editaron uns mil exemplares do programa festivo do Entroido, onde os recuperados desfiles de carrozas, así como os concursos de disfraces e filloas serán outra vez as grandes atraccións. As celebracións comezarán o sábado, 14 de febreiro, cunha gran festa infantil no parque de Torrado, a partir das 16 horas, con animación, inchables, karaoke, desfile de disfraces e obradoiros de maquillaxe e globoflexia.
.
O domingo de Entroido, 15 de febreiro, o desfile das carrozas irá acompañado pola música da charanga “Os Jaláticos” e o grupo de batucada Cambados Percusión. O desfile será retransmitido polo recoñecido showman Pepo Suevos, acompañado pola música do orquestra Gran Coliseum
O 16 de febreiro, Luns de Entroido, vai ser unha xornada moi especial para os máis novos que poderán participar no baile infantil no salón José Peña, que será aberto e gratuito para toda a rapazada. Haberá premios de ata 150 euros para os rapaces mellor disfrazados, nas categorías individual, parella e grupo. Durante esta celebración, a partir das 17.30 horas, vaise desenvolver o concurso de filloas que contará con premios para as habelenzas das mellores reposteiras e/ou reposteiros.
O Martes de Entroido (17 de febreiro) reedítase o desfile de carrozas, e mais dos enmascarados e choqueiros que desexen sumarse. O desfile partirá da escalinata de San Tomé, ás 17 horas, percorrerá as principais rúas da vila ata rematar na praza do Concello, onde haberá música e animación por conta dos Dj´s de Studio 21. Os disfraces optan a tres premios, de 250, 150 e 100 euros.
Enterro da Sardiña e do Pequeno Nicolás
O mércores de Cinza procederáse ó tradicional enterro da Sardiña, xunto cun personaxe de actualidade, que este ano será o Pequeno Nicolás. Darase lectura aos correspondentes responsos e recibirá a extremaunción antes de que pase a ser alimento do lume purificador. Ó sepelio asistirán as forzas vivas, plañideiras de pago e todos cantos queiran ir. As marchas fúnebres serán interpretadas por charangas e dj´s irreverentes.