Entroido en Laxe
O entroido de Laxe ten, dende hai un par de anos, un protagonista moi especial. Ademais da colaboración das asociacións, a recuperación deste persoeiro lendario dá pé a un entroido orixinal e moi divertido, que involucra a boa parte do tecido social do concello.
Hoxe, coñecemos un pouco mellor a historia do gran protagonista do entroido laxense, o Caietano.
A Historia de Caietano
Enterro do Caietano
Nun día soleado de finais do S.XIX, agardábase en Laxe a algarabía coa que o domingo de carnaval engalanaba o espírito. Estaba a praza Ramón Juega repleta de mariñeiros, carpinteiros, taberneiros, saladores, gandeiros, agricultores e demais xente do pobo; que agardaba a chegada dos nobres coa comparsa, os cabezudos e as súas fantasiosas vestimentas. Mentres, orellas, filloas e viño acompañaban as risas de maiores que sobre a robusta pedra observaban, non sen certa envexa, a fantasía coa que os nenos xogaban na praia con aqueles catro remendos cos que se crían feroces animais, deuses e extravagantes seres máxicos.
Unha coñecida e cantarina voz resoou polo túnel da Casa do Arco, era Caietano, home cercano aos 40 anos ben coñecido en Laxe como un alegre vividor, fillo bastardo do Conde de Altamira, que nunha furtiva visita abandoou toda a suposta nobreza engaiolado pola fermosura dunha nova filla de mariñeiros, que dende aquela fora mantida con regalos, que de cando en vez chegaban con sinalada discreción a súa recoñecida e consabida amante.
Pola rúa Real oíase un apisonador retumbar, compás da alegre e coñecida melodía que algún pescador dou en acompañar. Todos ficaban a mirar e vírono chegar alegre de viño, e traendo a rolos unha barrica que viña freándose polas tamborileiras pernas do Caietano. Con espíritu alegre dou en ficar coa barrica en medio da praza e ofrecer a todos viño de balde… entre a sorpresa e os vítores pronto se achegaron alegres homes que levantaron aquela barrica de roble extremeño, duns 220 litros a que pouco menos de 100 lle quedaba, que pronto ofreceu a vista un cuño rasgado por un coitelo no que podía interpretarse a cachola dun negro lobo.
Posto a barrica en pé, levantaron ó Caietano enriba del e nun escaso balbuceo diste, xa tiñan o difusor posto e enchían vasos que entre sorbos ían arqueando as cellas dos homes que nunca tan bo viño levaran a boca; e ledos sentaron na praza entorno ao Caietano que so-barrica invitaba xirándose en redonde a tódalas mulleres a acompañar aos homes no desfrute daquel viño, e lozanas estas arreboláronse taza en man a carón dos homes a escoitar na compaña do mar e das risotadas dos nenos pola praia ó Caietano laiándose, encima daquela barrica, da escravitude a que se sometía a xente por propia vontade desta.
Rachando xerarquías
Faláballes de que debían recuperar a concepción do mundo, de abolir as regras xerárquicas, de sentirse libres aínda que só foxe por un día e desfrutar dos praceres da vida … ofrendar ao mundo o hedonismo propio daquel día e recuperar a consonancia biolóxica, cósmica e humana eliminando as ataduras sociais e a soga relixiosa.
Vítores e aplausos foi a orquestra que recibiu á xente prudente, que apareceron enmascarados e con relucentes traxes bendecidos pola censura dun cura que ao chegar fixo calar a comparsa roxo de ira polos pitidos que aquelas heréticas palabras producían nos seus oídos … mais foi ó cura a quen calaron e aínda o hábito lle quitaron para disfrazarse algún de eclesiástico, o que provocou a fuxida do cura e algúns “nobres” e as risas da xente e ata da familia Moscoso que se uniu á festa, pois aquela barrica de viño abriu os ollos a máis de un, e a alcurnia dos Moscos por entón estaba en decadencia, ata dicían algúns que a Caso do Arco tiñan en venta.
O pobo ebrio de alegría levou en hombros ao Caietano ata a Casa Consistorial, onde non dubidaron en entronalo Alcalde por absoluta maioría e mesmo as mulleres, pouco acostumadas ao viño, quixeron que se aprobase o seu nomeamento como César da vila de Laxe. Suxeito o Caietano por dous homes a balconada da Casa Consistorial, informou ao rebumbio de Ramón Juega que como novo Alcalde decretaba que a súa casa foran 7 homes, pois outras dúas barricas se haberían de traer!!!
Non recorda a vila de Laxe festa como aquela, na que os homes vestíronse de mulleres, aquelas coas roupas dos homes, gandeiros embotados na roupa dos nobres e nobres aparentando agricultores … todos cantaron, riron e beberon sen desacougo en toda a tarde. Boa honra fixeron dos praceres da vida naquel día, quero eu que os Deuses haberían de quedar contentos pois de alí a 9 meses moitos fillos naceron e ningún co seu pai tiña parecido.
O cura e a fin da festa
Mais o fin de festa habería de despexar a máis dun da súa ebria felicidade, pois entrada a noite presentouse o cura, o verdadeiro e con novo hábito compre dicir. Viña roxo de ira e en compañía daqueles estoicos que o pracer rexeitaban como un mal comportamento que coa morte e sangue habería de educarse … mira ti que relixiosos pensamentos.
Chegada a censura co cura e a fuxida burguesía catalana que o acompañaba, entre eles o antigo alcalde Domenche, non tiveron grande resistencia en apresar ao Caietano e entre relampagueantes latigazos poñer ao bagazo humano a rentes dun improvisado xuízo que nese mesmo intre na praza Ramón Juega se realizou.
Algúns quixeron protestar porque ó santísimo Caietano se lle tratara como Alcalde que era, pois estaba firmado polo señor Moscoso o seu irrefutable título de César da vila de Laxe por inmensa maioría. De nada valeron as valentes evidencias que o pobo refutaba, avogando contra a fiscalía o seu bo corazón e as súas grandes intencións tan pouco comprendidas. Máis o fiscal amparándose na “xusta” lei de reprender aos revolucionarios que quixeran encamiñar a xente a un desfrute contrario aos intereses capitalistas e peor aínda sendo na figura dun “alcalde”, polo que o pobo foi mero espectador ante aquel inxusto xuízo que a morte sentenciou ao Caietano… aquelas palabras trouxeron un cantar miudiño, miudiño, miudiño que lastimeiro non daba crédito e votaban a culpa ó viño e non ó bo do pobriño Caietano. Ninguén tiña forzas coma para deter a morte e incineración na lindeira praia onde antes xogueteaba a inocencia e fantasía dos cativos.
Homenaxe
Dende entón e para honrar a memoria do ilustre Caietano, un irmán de Pondal que fora ben amigo do morto Deus, propuxo que este sería moi feliz aló no ceo, onde sen dúbida debía estar rexendo un importante e xuicioso cargo, se tódolos anos se celebrase o Carnaval na súa honra. Coñecido o seu gusto pola festa, os praceres e as bromas decidiuse que aquel día, entrada a noitiña, se acabaría a festa do Carnaval coa queima dun monicreque que o representara e que eternamente levaría as culpas das ganas agochadas de disfrutar dos praceres da vida sen regras nin xerarquías, aló menos por un día, o seu día.
O Concello de Laxe, situado no noroeste de Galicia, forma parte xunto con outros municipios da famosa Costa da Morte.
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Laxe.Para aclarar cualquiera otra duda o más información, te puedes poner en contacto con el Departamento de Cultura, bien presencialmente, por teléfono en el 981 70 69 03 o por e-mail en cultura@concellodelaxe.com