Xenerais da Ulla en Teo
Arranque a última hora da tarde, en torno ás 20.00 horas. A parroquia de Reis terá uns carnavais con trece persoas a cabalo, máis de 70 persoas nos coros de vellos e bonitos e varias carrozas.
Antigüidade.
A primeira documentación que se ten sobre o entroido dos Xenerais da Ulla corresponde ós anos 70 do século XIX. Alfredo Vicenti, ilustre político santiagués, publica a partir de abril de 1875 no xornal El Heraldo Gallego unha serie de artigos titulados “En las orillas del Ulla”. Un deses artigos titúlase “La máscara” e nel narra a formación dunha comparsa de entroido na parroquia de Oca, concello da Estrada. Posteriormente foron moitos os autores que escribiron artigos ou pequenas notas para difundiren esta tradición carnavalesca, entre outros, Bouza Brey, Manuel García Barros, Neira Vilas, González Reboredo, Mariño Ferro, Arca Caldas, Federico Cocho, etc.
Non se pode asegurar con certeza a orixe concreta dos Xenerais da Ulla, pero, polas características comúns destas mascaradas, esta hai que buscala nos diferentes enfrontamentos armados que se sucederon na comarca ó longo do século XIX: primeiro a loita contra a invasión francesa e, despois, a revolución do 1846, que rematou coa batalla de Cacheiras, coas tropas de cada un dos bandos percorrendo os espazos en que hoxe se mantén vivo este entroido. As diferentes guerras carlistas que se desenvolveron en España durante o século XIX axudarían, sen dúbida, a crear un abraio colectivo que desembocou na súa ridiculización.
A celebración do entroido sitúase ó redor das datas marcadas pola Igrexa para esta conmemoración. Os días con máis actos son os correspondentes ó sábado e domingo de entroido, pero tamén hai actos o martes de entroido, o domingo de piñata, o domingo corredoiro e mesmo antes se é necesario pedir traxes ou bestas prestadas.
Singularidade.
O entroido dos Xenerais é privativo da comarca natural da Ulla, en concreto dos concellos de Boqueixón (parroquias de Lestedo e Sergude), A Estrada (Cora, Couso, Paradela, Santa Cristina de Vea e Santeles), Santiago de Compostela (Aríns, Marrozos, O Eixo), Silleda (A Bandeira, Dornelas, Lamela), Teo (Bamonde, Cacheiras, Lucí, Oza, Rarís, Recesende, Reis, Vilariño, Teo), Touro (Bama, Fao, San Xoán de Touro), Vedra (Illobre, San Xián de Sales, Trobe, Vedra e Vilanova), Vila de Cruces (Merza, Piloño, Salgueiros). Tamén se celebra na parroquia padronesa de Carcacía. Antigamente había así mesmo xenerais da ulla noutras parroquias onde hoxe se perdeu a tradición, como San Mamede de Ribadulla e San Miguel de Sarandón en Vedra, Gres e Brandariz en Vila de Cruces e Ledesma en Boqueixón, entre outras. En ningún outro lugar de Galicia, nin que se saiba de España nin de Europa Occidental, hai nada semellante.