Skip to main content
Entroido en Galicia | Carnaval en Galicia logo
  • Galego
  • Español

turismo galicia

Primary links

  • O Entroido
  • Artigos
  • Gastronomía
  • Qué visitar
  • Axenda
  • Protagonistas
  • Carteis
  • Fotos
  • Publicacións
  • Na rede
Inicio

ANTROIDO NO VAL DE FRANCOS

Val de Francos é un val sen un gran río que lle dea nome, enmarcado na Terra Chá de Castro de Rei. Non ten ríos á vista, pero tenos soterranos, que non por iso son menos fertilizantes, e ten o Castro máis monumental de Galicia, o de Viladonga e tamén ten moitas xentes de ben que naceron á súa sombra.

É un val fermoso, abofé; pero pode selo moito máis o día que estea feita a Concentración Parcelaria; sempre e cando non sexa despoxado de arboredas, de paxariños e de variopintas bolboretas, que aquí chamábanse pitiñas de Dios.

Dentro deste Val, a parroquia de Ansemar tivo unha longa tradición, que se remonta (na memoria dos máis vellos) a comezos de século (XX), de celebrar o Carnaval con asistencia da veciñanza das outras parroquias dos arredores. Xa o dicía aquel sermón dos anos cincuenta:

Esta parroquia, xa vemos,
de fortunas anda mal,
que sempre fixo unha boa festa
e máis un bo carnaval.

 

En Goberno celebrouse tamén unha festa de Carnaval aló polo cincuenta e dous, ano arriba ou abaixo, pero como o Antroido era de barro e non houbo maneira de que estoupase en mil anacos, por mor de que se humedecera a pólvora que levaba dentro e a mecha que tiña que conducir o lume, non se volveu celebrar; que polo visto é de mal agoiro que un Antroido se resista a ser destruido. Esta é a lenda, pero o certo foi que aquel Antroido de barro, feito por Maximino de María de Xoán, tiña cara de santo e, polo mesmo, anxo da garda que o protexía dunha morta vilipendiosa.

Nos últimos anos, mesmo en Ansemar, a tradición esmorecera; porque os últimos anos foron de moita seriedade. Pero, mira por onde, o ano pasado, o noventa e dous, para competir coa Expo, coas Olimpiadas e co Madrid Cultural, tres mozos argalleiros: Xosé Luis García Cupeiro de Goberno, Xoán Carlos Rodríguez Folgueira de Balmonte e Xoán Xosé Pita Iravedra de Ansemar, comenzaron a falar e a moverse para recuperar unha tradición que ficaba adormecida, nunca esquecida.

A orixinalidade estaba en tratar de que celebrasen as súas tres parroquias conxuntamente os festexos.

A idea de que tres parroquias, que noutros tempos tiveran os seus máis e os seus menos, no desexo de reafirmar cada unha a súa identidade, se unisen nun proxecto conxunto e festivo parecía tan fermosa coma a festa mesma. Conseguir ezsa unión xa sería unha verdadeira festa, base, quizais, para outras festas e actividades conxuntas.

E a cousa foi adiante, gracias á entrega xenerosa deses tres mozos e á colaboración animosa do resto dos veciños. Así quedou reflexado nesta estrofa do sermón de Serafín de Tito:

Xa que tres pobos se uniron,
con unha grande ilusión,
nunha tarde de harmonía
fan esta celebración.

 

Ou nesta outra, máis ou menos anónima, dos programas de man:

Balmonte, Goberno e Ansemar
xuntas o Antroido van festexar
i é tan fermosa esta unión
que mesmo agranda o corazón.

 

Superando pequenas discusión sobre en cal das parroquias deberían celebrarse os actos, optouse polo lugar máis axeitado por abrigoso, relativamente céntrico, ben comunicado, con facilidades para o aparcamento e a desconxestión do tráfico. Lugar que cadrou en Ansemar, onde a tradición estivera máis enraizada e casemente no mesmo sitio, o Campo do Carril, no que antano se celebraba. Moitos, incluso de fóra de Ansemar, agradeceron a elección do sitio, porque o feito de que fose no mesmo lugar de sempre axudaba a aflorar recordos gratificantes da nenez ou da mocidade. A maioría dos veciños entenderon ben que nons e trataba de facerlles o Carnaval ós de Ansemar, senón de facer o Carnaval para todos en Ansemar. E non é por chufar, pero en conxunto resultou algo moi bo.

Falábase duns dous mil asistentes, que son moita xente, e que disfrutaron cada un sen que ninguén entorpecese o disfrute dos demais.

Que se teña noticia, ningunha carantoña sirviu de tapadeira para que quen tras dela se agachaba amolase a ninguén, e así houbo leigos que levaban con dignidade unha sotana e algún crego que non escandalizou de corbata.

Pero á miña maneira de ver, unha das cousas máis bonitas foi que resultou unha festa para todos e especialmente para os que non acostuman a estar nos campos da festa: enloitados, viudos e viudas, vellos, impedidos... Por exemplo, alí estaba a señora Dosinda de Campelo, cuio esposo tamén ten sido predicador, que hai anos que non sae da casa nada máis ca para que a leven ó médico. E estaba radiante na súa silla de rodas. E tivo que contar para dous meses e medio, ou se cadra máis.

Tal e como foi saíndo todo quedaron gañas de repetir e incluso de esforzarse pola superación.

Dese desexo de superación xurdiu a idea do libro MÁIS DE MEDIA DUCIA DE ESCRITORES CHAIREGOS E O ANTROIDO pois parecía de razón tratar de integrar o máximo posible de elementos culturais e festivos arredor dun acontecemento, anque este fose o Antroido que nesta comarca sempre tivo o seu aquel de festa na que participan todos – non de mero espectáculo, no que se aplaude pero non se participa- e de cultura no gastronómico, na creatividade, e nos semóns moralizantes característicos desta zona.

Algún erudito terá tema de estudio sobre a cuestión de cómo uns homes que malamente sabían escribir, si sabían moi ben expresarse con ironía, con retranca, con picardía, con crítica atinada, con bos consellos, con arte para vesificar e para serpentear por entre os atrancos da censura civil e eclesiástica. Da que pensar como, por exemplo, Laxe de Loentia, Elías da Concha de Ansemar ou Salvador de Aguiar de San Martiño son capaces de repetir aínda hoxe de memoria ata trinta e tres estrofas de catro versos cada unha – cento trinta e dous versos en total- de sermóns escritos ou predicados por eles hai corenta ou máis anos. Outros autores consagrados de sermóns foron e son Hipólito e Eleuto de Ansemar e Serafín de Tito de Quintela, sen esquecer a Edelmiro de Sanmartiño de Goberno que, como soe dicirse, tamén lle caen ben cadradas.

Xosé Manuel Carballo
Do libro “Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido” publicado pola Asociación Cultural Val de Francos
(É un bo anaco da Memoria-presentación-prólogo).

Xosé Manuel Carballo

Ver ficha completa
  • Facebook Like
  • Tweet Widget
  • Google Plus One
  • O Antroido en...
  • Facebook Like
  • Tweet Widget
  • Google Plus One
Facebook Like Tweet Widget Google Plus One

Eventos do Entroido 2023

entroido carnaval antroido galicia dia

Xaneiro

 Sábado do Petardazo

Domingo Faraleiro

Febreiro

Colgamento do meco

 Domingo Oleiro

 Xoves de Compadres

 Noite de Mulleres

 Domingo Corredoiro

 Xoves de Comadres / Noite Corredoiro

Venres de Entroido

Sábado de Entroido

Domingo de Entroido

Luns de Entroido

Martes de Entroido

Mércores de Cinsa / Enterro da Sardiña

Domingo de Piñata

Luns de Farrapos

galicia digital
Aviso Legal | Politica de Privacidad | Política de cookies | Contacto
InternetGalicia