A CORRIDA DO GALO
Un ano máis, paseniño, vaise acercando o Antroido. Tempo de festa, enchentas, larpeiradas... para despois, dende o Mércores de Cinza ou, se quere millor, Terza Feira Gorda como aínda din algúns, entrar de cheo na coresma. Sete semáns acuguladas de xexúns, abstinencias e vixilias. Todo o contrario do Antroido.
Un ano máis, paseniño, vaise acercando o Antroido. Tempo de festa, enchentas, larpeiradas... para despois, dende o Mércores de Cinza ou, se quere millor, Terza Feira Gorda como aínda din algúns, entrar de cheo na coresma. Sete semáns acuguladas de xexúns, abstinencias e vixilias. Todo o contrario do Antroido.
Galicia, como pertencente á área da cultura europea, non foi - nen aínda é hoxendía - alléa ás máis das manifestacións de carácter popular que se celebran estes días. Si é certo que non tódolos pobos festexan por un igual o Santo Antroido, nen tampouco do mesmo xeito: hainos de sona que xa sea fóra das nosas fronteirs, como pasa co caso de Laza (aló no Limia), mentres que outros son tan locais que neles non toman parte máis que pequenos fatos de rapaces ou mozotes. O mesmo sucede coas máscaras e carautas, ben estudadas por Risco, Fraguas, X. Lourenzo e outros, todas elas de grande riqueza, tanto pola indumentaria que levan, como pola antiguedade ou mesmo pola forma de comportarse co público.
Non imos falar verbo do Antroido en xeral, senón cinguirnos a un dos divertimentos propios destes días e que, como pasa con outros, xa nos máis dos casos non deixa de ser un recordo lonxán, de algo que facían os vellos, é dicir, os nosos devanceiros.
A Corrida do galo
Non ven a conto teorizar aquí encol da orixe desta tradición, pois de seguro que rematariamos por chegar a un camiño sen saída. Por iso o millor é entrar de cheo no cerne da cuestión, neste caso da festa,áínda que cómpre dicir que non tódolos pobos "corren o galo" no Antroido, pois hai algúns que o fan outro día do ano, ou mesmo o Domingo de Pascua.
Xogo de nenos
Aínda que en Galicia sabemos polo de agora moi pouco sobre este divertimento, se botamos unha ollada ós escritores casteláns do Século de Ouro atoparémonos conque xa daquela era un xogo popular e, segundo parece, propio de nenos, aínda que moitas veces participasen tamén algunhas persoas maiores. Unha pequena mostra da súa antiguedade na Nosa Terra témola en que no século XVIII, Andrés Lousada e Soutomaior, ó fundar a escola primaria de San Pedro da Porta (Aló en Sobrado dos Monxes) deixou dito que o mestre non podía cobrar nen coller nada ós alumnos, a non ser "el bollo o torresno que se practica el Jueves de Comadres para la Corrida del Gallo".
Na grabura galega de mediados do século XIX que ilustra estas liñas, podemos ollar como os participantes son rapaces, e non sería de estrañar que o que está sentado na mesa, cun libro diante, fose o seu mestre pois moitas veces eran os que organizaban a festa.
Aínda que é de supoñer que haxa moitos máis, pola nosa banda sabemos de varias parroquias nas que todos os protagonistas eran nenos ou, como moito, mozotes que non pasaban dos dezaoito anos. Un caso destes pode ser o de Toutón (Mondariz-Pontevedra), no que todo o festexo xiraba arredor do galo - a víctima- e do "rei" e "raíña". A el estáballe reservado o privilexio de dar o derradeiro golpe ó animal, co que remataba a función.
Laranxas bravas
Un dos factores que incluían no xeito de "corre-lo galo" era se no pobo había ou non laranxas bravas, das que non se poden comer por ser moi acedas. No Condado - sur da provincia de Pontevedra- era costume ceibar o galo no medio dun corro de viciños que o "alaranxeaban" até deixalo aparvado. Despois, como xa falaremos era cando se encetaba o xogo propiamente dito. O de "alaranxea-lo galo" é moi antigo. Tanto que, por exemplo, xa fala del Góngora no seu poema "Hermana Marica"... que - por certo- viña nas enciclopedias "Álvarez" que tiñamos na escola. E o mesmo fan aínda en Andalucia, onde, como é ben sabido, abunda moito máis esta froita que en Galicia.
O xogo da pita cega
O principal protagonista é o galo, e canto máis grande e fermoso millor. Despois de "alaranxealo" ou non, pois depende da bisbarra e aínda da parroquia, empeza o xogo da pita cega, no que toman parte os rapaces e mozotes do lugar. Pode ser de varias formas, que resumimos en tres:
- Enterra-lo galo, deixándolle fora da terra tan só a cabeza. Os participantes, que dispoñen dun limitado número de golpes, teñen que darlle cunha espada ou pao na cabeza. Se non, non vale.
- Outros pendurábano polas patas nunha corda posta entre dous varais, árbores ou casas, deixándolle unha punta máis longa para poder turrar por ela. Así, os que xogaban tardaban máis en atinar. Hai pobos en que os participantes levan os ollos destapados, pero teñen que ir moi de présa.
- Por último, tampouco falta onde o meten dentro dunha ola de barro. O xogo desenvólvese igual que no caso anterior, tan só que o gañador ten que escachala co pao. O que dea no galo ou na ola leva o animal, que remata nunha cea na que soe tomar parte a mocedade da parroquia ou os amigos do que tivo a sorte de atinar ben.
O testamento
Denantes de morrer ou despois, segundo o costume de cada zona, fórmase un tribunal, co seu xuiz, fiscal, abogados, etc.
Alí, o pobre galo é xulgado e condenado por todos os delitos que cometeu ao longo do ano. O xuizo remata coa lectura do "Testamento do Galo", no que vai deixando a súa facenda a aquelas persoas que, polos seus cargos, sexo ou idade, son merecentes dela. En moitos pobos, anque xa non celebran a "Corrida", seguen lendo o "Testamento", por exemplo en Valga (Pontevedra), ata non hai moitos anos, que é de onde procede a seguinte estrofa:
... E deixo as prumas do rabo, por seren as máis brillantes, pra que as mociñas solteiras llas dean ós seus amantes...A "Corrida do Galo", se aínda non desapareceu de todo, xa pouco queda dela, aínda que foi moi importante até o século XIX, e, nalgúns lugares, mesmo até a guerra civil. Actualmente hai pobos que están intentando resucitala de novo.
(Publicado en El Correo Gallego o 15 de febreiro de 1985).