O Antroido de finais do XIX e comezos do XX
Polo Antroido, todos se divirten na aldea, mozos e vellos, cada un á súa maneira.
Comezan as festas o Xoves de Compadres, dous antes da Dominica de Quincuaxésima, e rematan o martes desta semana á que chaman “O día d´o intrudio”. A primeira é a festa dos galos, co seu Rei e Raíña, na que toman parte todos os nenos da aldea
Xoves de Compadres
Chegado o xoves de compadres, pola mañá, na escola, os nenos elixen quen deles ha ser “Rei de galos” do ano, e as nenas nomean a “Raíña”, escollendo xeralmente os fillos dalgunha das familias acomodadas, aínda que pode selo calquera. Desde este día o Rei ten os seus cabalos; dous rapaces que o levan desde a casa á escola sobre os ombreiros, e a raíña os seus; outros dous que fan con ela igual que co Rei. Ó saír da escola, o rei sobe sobre os ombreiros dos cabalos, e seguidos dos demáis rapaces que cantan – “Viva el Rey / muera el gallo / cuatrocientos y un caballo” - nun toniño especial, lévano polo pobo á escola das nenas onde recollen á raíña e se agregan ás rapazas e, todos xuntos, e sempre cantando, levan os reis ás súas casas, primeiro ó rei e logo á raíña. Estes, asómanse ó balcón das súas casas respectivas, e desde el botan aos acompañantes castañas secas para agasallalos, e os que agardan na rúa cantan “Viva el Rey, muera el gallo...”. O mesmo repiten mañán e tarde tódolos demais días ata o xoves de comadres, e durante a semana os rapaces maiores encárganse de mercar os galos que sacrifican despois na festa. A compra fana entre todos, a escote, agás o rei e a raíña, que cada un da o seu.
A tarde anterior ó día de comadres non hai escola, todos teñen vacacións co obxecto de que poidan facer as bandeiras que han servir para o día seguinte. O que por este distrito chaman bandeiras, nomean “revoleras” noutros, confecciónanas cunha caña ou vara delgada que nun dos seus extremos suxeitan cun alfiler groso unhas como aspas feitas de papel de cor que postas de fronte, cando o zagal corre, dan voltas rápidas co vento.
O xoves de comadres é o día principal da festa. Pola mañá, ó sinal de tambor ou toque de gaita, que percorre as rúas da aldea, reúnense todos os rapaces e armados de bandeiras van buscar ós reis cantando sempre – “Viva el rey / muera el gallo / cuatrocientos y un caballo”, paséanos pola aldea ou a vila ate sair ó campo a un sitio chan; En Viana do Bolo é o toural ou campo da feira. Os maiores levan os galos, e chegados sentan os reis en lugar preferente, e ó toque de tambor ou da gaita soltan o primeiro galo. Neste momento todos son berros e algazara, os rapaces armados coas súas bandeiras corren detrás do animaliño, e corren e corren ate que o atorden e cansan. Chegado este caso cóllese aquel e sóltase outro que segue a mesma sorte, e así todos os demais agás os que deixan para a pelea. Efectúase diante dos reis; os rapaces forman roda, dentro soltan os galos que han pelexar, algunhas veces case á forza, e cando os animais cansan, acaba esta parte da festa que presenciou toda a xente desocupada, levando ós reis ás súas casas da mesma forma que os trouxeron, do que resultan en definitiva rapaces e galos cansados e bandeiras rotas.
Despois de que conclúe a corrida dos galos ven o banquete. Na casa de cada un dos reis están convidados para este día a familia e algún amigo, tendo comida extraordinaria na que se serve o indispensable cocido galego, que tamén chaman “ola podre”, e arroz doce ós postres. É costume que os rapaces que serven de cabalos durante a semana coman na casa dos reis, e tamén que despois de comer lles dean unha propina.
Á tardiña continúa a festa. Ó toque de tambor ou son da gaita reúnese a turbamulta, levando os encargados os galos corridos pola mañá, e os de pelea. Van polo rei, condúceno á casa da raíña, e na porta dela comeza a matanza dos animais que presencian ámbolos dous. Cruzan a rúa cunha corda atando os extremos ó balcón da casa da raíña e á de enfronte, do centro colgan un dos galos polas patas, de maneira que un rapaz poida alcanzar a cabeza do animal alargando o brazo; e calquera deles, armado cun sable vello, adiántase ata o sitio onde pende o galo, recita versos burlescos referentes ás cousas que pasaron na vila ou aldea durante o ano e, rematados, da de sablazos na cabeza do pobre animal ata que o mata. O mesmo se repite diante da casa do rei, do mestre da escola, da mestra e algunha das situadas na praza do poboado, rematando a festa co que chaman a “pita cega”. Dentro dun montón de terra, de maneira que non se lles vexa máis que a cabeza e atado para que non se mova colocan o último galo. Por turno, vendan os ollos ós rapaces e o vendado sable en man pasa preto do montón onde está o galo tirándolle sablazos entre os berros e algazara dos outros. Coa morte do galo acaba todo, agasallándolles os cadáveres ós mestres.
Xoves de Comadres
O xoves de comadres, dia en que os rapaces por costume tradicional elixen os seus reis de galos, mozos e mozas da aldea tamén teñen a súa festa. Redúcese casi toda a vestir as mulleres un “compadre” e colgalo do balcón da casa onde se reunen, e tratar de roubarllelo os homes. O compadre é un boneco confeccionado con pallas de centeo que visten con traxe de home, un tabaco na boca e naipes nas mans, sendo condición que as prendas do vestido as rouben primeiro as mozas ós mozos máis amigos.
Posto o boneco no balcón, os mozos tratan de apoderarse del, valéndose de mil tretas e argucias. As mulleres deféndeno, e con tal ocasión e motivo loitan corpo a corpo sen consideracións nin miramentos de ningunha clase. Se os homes logran roubar o compadre, desnúdano e préndenlle lume ás pallas en medio da rúa con gran contento e algazara. Tamén na tarde deste día saen á praza e ás rúas da aldea a “correr a fariña e os foguetes”, pero o día máis clásico para esto é o chamado “do intrudio”, e nel detallereino máis detidamente.
Na tarde do mércores anterior ó xoves de comadres, casados e solteiros da aldea reúnense e piden a un veciño que na súa propiedade teña árbores corpulentas, que lles regale ou preste unha para colocar a “comadre”, e é xeral que o concedan. Van ó campo coa gaita ou os tambores, cortan a árbore, despóxano das ramas e limpo o tronco cárgano sobre os ombreiros, montando nel ó gaiteiro e algún que outro rapaz. Así volven á aldea coa música de gaitas ou tambores e berros dos acompañantes, sucedendo con frecuencia que como o pau e verde e cimbrea ó andar dos que o levan, gaiteiro e rapaces dan co seu corpo no chan varias veces durante o traxecto. Chegado á praza ou rúa principal da aldea, deixan o pau tendido no chan ata máis tarde.
Despois de cear traen a “comadre”, boneca feita de pallas de centeo, vestida de muller, coas roupas que tamén rouban ás rapazas, A pícara comadre é borracha e xogadora, como se ve pola bota de viño que lle atan á cintura e as cartas que lle poñen nas mans. Suxeitan a “comadre” ó extremo máis delgado do madeiro, cavan un furado no chan, e entre todos erguen o pau, en tanto soa a gaita ou os tambores e berran os rapaces que acudiron a presenciar a escea. Está exposta a “comadre” no alto ata o martes de antroido, e durante este tempo, e especialmente polas noites, poñen gardas ó pau nas que se turnan os modos da aldea. A garda ten por obxecto evitar que as mulleres se acheguen a derribar a “comadre” e a rouben ou queimen, ocorrindo ás veces que se reunan as máis decididas e queiran tirar o pau, entón a loita entrelas e os gardiáns e os que acuden para auxiliar a uns e outras sexa reñida, e andan ás mans que é un contento, sen consideración de ningún xénero.
Pola tarde do xoves forman comparsas de mamarrachos, sendo a máscara clásica a que chaman “zamarreiro”, un mozo coa cara tiznada, as roupas voltas do revés, un cinto con esquilas e cencerros, e na man un pau ó que ata un trapo bastante porco, co que, por gracia, da trapallazos a todo o que se lle antoxa e atopa ó seu alcance. Estes, os foguetes e a fariña, constitúen a diversión do día. Tamén soen as mulleres, as vellas comadres da rúa ou do barrio, reunirse a comer e beber, sendo costume que agasallen ós homes da casa polo xeral con algún plato extraordinario na comida, doces, torrixas, arroz cocido con leite e zucre, empanadillas ou cousa similar
Domingo corredoiro
Ó xoves de comadres segue o “Domingo gordo” ou “corredoiro”. Pola mañá, cando supoñen que a comida está preparada nas casas, os homes, por parellas, dedícanse a roubar os potes e as olas das cociñas. Válense de mil artimañas , e cando as mulleres da casa se enteran acoden á defensa e loitan con eles a brazo partido. Sucede, ás veces, que o pote ou ola roubada non contén outra cousa que auga quente, e así resulta gato por lebre, quizais despois de terse feito algunha queimadura, pois é trampa das mulleres esconder o que guisan. Polo xeral o roubado é bastante para a comida dos ladróns accidentais, reúneno, e con esto e unha gran bota provista de viño, marchan ó campo, se o día o permite, onde sobre o verde céspede tenden os manteis e comen ledamente en amor e compaña. Despois da comida volven ó poboado traendo os potes e olas vacías, colgados en paus, pasean con eles as rúas a maneira de procesión e van deixando en cada casa o que lle pertence.
Pola tarde, a xente reúnese na praza ou sitio principal da aldea para ver a mascarada do día, “a mula” e “o maragato”. Debaixo dunha manta de cabalo colócanse dous homes, o dianteiro leva a cabeza da mula, feita de pallas ou cartón, con cabezada e ramal, o de atrás vai agarrado á chaqueta do seu compañeiro, e ambos agachados forman o corpo do animal, levando postas botas de montar ou polainas para que figuren mellor as patas da mula. O “maragato” conduce o animal, e o seu traxe vai de acordo co nome, sendo tradicional a careta que leva, que é de madeira pintada con grandes ollos, maior boca e adornada a fronte cunha figura de cobra, careta que se garda entre os veciños durante o ano, para usala nestes dias. A mula e o maragato preséntanse na praza ou sitio principal da aldea, despois da comida do medio dia, seguidos dunha turba de rapaces, ben coa cara tiznada, ben coa cintura rodeada de cencerros e as chaquetas voltas do revés, e como é considerada como un animal verdadeiro, fai o que estos, dar couces a todos os que encontra ó seu alcance. Segundo a testemuña dos máis vellos, a mula e o maragato sempre fixeron as mismas cousas: levar á taberna para que paguen unha convidada ós que montan nela, se tropezan con algún señor, montalo na mula, conducíndoo así ó casino para que dea propina, e que a mula se poña enferma o que coñece o maragato porque se tira ó chan e non quere andar.
Entón aparece un albéitar improvisado que a recoñece e como medicina saca da taberna á rúa un gran cunco de madeira; o maragato corta en pedazos un ou dous pans de trigo, bótaos dentro do cunco, rocíaos con zucre, verte no cacharro uns cuartillos de viño, remóveo todo coa man e dallo de comer ós que forman a mula. Con esta medicina sana o animal, lévao a ferrar, escápaselle e corre dando douces a destro e sinistro, e nestas operacións pasan toda a tarde ata que chega a noite, e seguidos dunha turba de rapaces marchan para a casa.
O domingo gordo cómese ben e en familia; hai ola podre case sempre, e pola noite os mozos agasallan ás mozas con baile, pagando os gastos do alumeado e música entre todos a escote, ou acoden ao fiadeiro onde tamén bailan ó son do pandeiro e os conchos. A este día segue o “do intrudio”, o martes de antroido, que é o principal da festa.
O Día do Intrudio
Todos celebran na aldea o “día do intrudio·”.
O traballo do campo suspéndese, as parellas de vacas descansan na corte, as ovellas e cabras non saen ó monte; é martes de antroido, e homes e mulleres divírtense e folgan. A festa comeza desde cedo, mozos e vellos, casados e solteiros reúnense pola mañá no mellor sitio da aldea, levando cada un consigo un instrumento que faga ruido; quen cun tambor pintado de varias cores que lle pende da cintura e contan que é costume roubar a pel da ovella ou carneiro que se matou o día do patrón do poboado para confección dos instrumentos; e outros aparecen con morteiros de metal, co clásico pandeiro ou gadaña e martelos como se fosen segar a herba. É “o folión” que se forma. Diante, abrindo paso, vai o “zamarreiro” ou “zamarreiros” cos seus correspondentes paus e trapos suxo, despois a vella, outro home vestido de muller cun cesto con cinza ó brazo, que reparte sobre os que atopa ó seu alcance. Séguelle outro que leva un gran corno de res vacuna adosado ó extremo dunha cana, co que se produce un sonido ronco e prolongado, e a estes os demais, levando no centro un boneco feito de pallas do tamaño dun home, vestido e montado nun burro. Este monigote é “O Intrudio”, representación do día que se festexa.
A comitiva recorre a aldea e os alrededores facendo un ruido infernal, cada un vocifera pola súa conta, sen orden nin concerto cos demais, e toca, ou mellor fai soar, o instrumento que leva con certa mestría. Algúns teñen tal costume de facer vibrar a folla da gadaña co martelo que aillados do conxunto ben pudieran pasar por instrumentos musicais; outros redoblan o tambor que é maravilla, e hai entreles quen toca unha muiñeira co pandeiro que se pode oir. O folión da mañá é o que anuncia a festa, e dura ata a hora de comer.
Para este dia gardouse o botelo confeccionado ó facer a matanza do cocho. O botelo, ó que tamén se lle chama bandullo, faise co estómago do marrau, e é un embutido de carnes e despoxos do animal que se ha comer precisamente o “día do intrudio”. O banquete é familiar, cada un come cos seus, presidindo o mais vello, e sérvense determinados pratos. Comeza pola sopa de boda, despois ven o botelo e os cachelos, patacas cocidas con sal cortadas en pedazos grandes, máis tarde a ola podre ou cocido clásico galego, que serven nun prato de madeira de boas dimensións, con cachucha, pé, orella, soá, chourizo ceboleiro, androlla, botelo, chourizo e salchichós, en prato aparte uns poucos garbanzos e “”chaurubía”, legume propia deste cocido e por último o arroz doce. O viño, abundante, tinto do país, e en xarra onde beben todos, pasando de man en man con bastante frecuencia.
Pola tarde, os mozos que puxeron a comadre, derríbana tirando o pau, e unha vez no chan, dous deles enmascarados e a cabalo pasean a boneca por todo o pobo, queimándoa despois. Cerca do anoitece repítese o folión, e cando remata este comezan os “foguetes” e a “fariña”. Para o foguete usan as ·”manelas”, pequenos envoltorios de estopa ós que prenden lume e ardendo achéganos á cabeza ou ás barbas do contrario se é home, ou colócanos debaixo das enaguas, se son mulleres. A fariña, o seu nome indica, e “correr a fariña” é botar uns a outros puñados de fariña e farelo, e de esto o máis gracioso consiste en ter tino e astucia para facelo entrar na boca do contrario. Toda a aldea é campo de acción para a fariña, e os foguetes, e a xente moza, homes e mulleres que son quen accionan na festa, válense de mil tretas e artimañas para conseguir o que se propoñen, habendo quen resulta lastimado dun empurrón ou con algunha queimadura, que para ámbalas dúas cousas hai ocasión con esta práctica. Foguetes e fariñas rematan á hora da cea.
Tamen esta é familiar e nalgunhas casas preparan para comelo nela “o pigureiro” ou “vexiga enchida”; a vexiga do porco chea de pedazos de pan trigo, mollados en leite, trozos de xamón, ovos cocidos, arroz e chourizos, cósena e cócena, sendo o prato da noite a máis do sobrante do día. Acabada a cea volve outra vez formarse o “folión” como pola mañá no centro da aldea, pero agora levan fachas formadas con palla de centeo que encenden para alumearse. O folión da voltas pola aldea durante unha hora ou pouco máis, e ó concluir homes e mulleres reúnense nos fiadeiros. Esta noite non se traballa; a roca e o fuso descansan; os homes xogan á brisca e as mulleres falan e comentan os lances do día, durando a velada ata as once e media. A esta hora, cada un retírase á súa casa, e volven cear antes da media noite; comen sopa de pan con graxa e ovos cocidos e un chourizo por cabeza, concluíndo bebendo cada un a súa copa de augardente. É curioso notar, que soamente nesta noite do ano teñen os rapaces dereito a que lles dean de cea un chourizo enteiro, e ademais que gardan a graxa do cocido do día para confeccionar con ela o caldo do xoves.
É frecuente que durante o antroido, desde o xoves de comadres ó “día do intrudio” se reuna nas aldeas pola noite o folión, despois da cea, e vaia dunhas a outras. Avísano con tempo, e os mozos do lugar reciben ós que chegan. O folión pasea polo poboado e na taberna hai convite, devolvéndolles despois a visita con outro folión nunha das noites seguintes. O costume é que todos os anos sexan as mesmas aldeas as que mandan os folións.
Nicolás Tenorio - “La Aldea Gallega”. Cadiz, 1914.