O Antroido galego na BBC
Antroido é o nome co que, en toda Galicia, se coñecen as festas de Carnaval, que aló non se reducen aos tres consabidos dias nos que se adoita celebralo en outras partes senón que abranguen desde o Domingo de Septuaxésima deica o mércores de cinza.
Comeza o antroido co Domingo Fareleiro ou sexa quince dias denantes do verdadeiro antroido, e leva iste nome polo costume que teñen mozos e rapaces de lle bater ás xentes con bolsas, con paquetes ou con medias cheas de farelos ou de borralla para lle manchar a roupa, como sucede en case toda a provincia de Ourense. Na parte de Arzúa, os rapaces soplan nas froles do bufo cuias follas algodonosas apéganse fortemente aos traxes; e tamén adoitan poñer rabos á xente que pasa.
En Melide, as máscaras chámanse “folecheiros” e levan un folecho ou fol pequeño, de coiro, cheo de borralla, co que baten no chao ou na xente.
Noutras partes, como en Cotobade, úsanse os “cichotes”, especie de xeringas de cana, coas que os cativos chapuzan aos transeúntes.
O Fareleiro é o día de comer os chourizos de cebola máis gordos con cachelos.
O xoves desta primeira semana do antroido é o “Xoves de Comadres”, e nise día convídanse entre elas con fartos xantares a base de cachucha, lacóns e chourizos, coas lambetadas correspondentes.
O segundo domingo do antroido, que é o de Sexaséxima, chámase Corredoiro, nome que lle ven do costume que hai en moitas partes de Galicia de correr o galo, pendurándoo dunha corda polas patas, e coa testa para baixo. O galo é o pretexto para unha merenda forte.
Nos arredores de Ourense e noutras partes celébrase o Corredoiro xogando ás olas, para o cal se xuntan mozos e mozas levando cada unha a súa vasixa de barro. Postos en rolda, vanse pasando as olas de man en man tirándoas en outo, e o que a deixe crebar perde o xogo.
Este é o día de comer touciño con patacas, e bica de fariña milla, todo mollado con bo viño.
O xoves seguinte é o dos Compadres, no que os homes fan unha convidada, polo xeito da feita polas comadres oito días antes.
E por fin chega o verdadeiro Domingo do Antroido, que nalgunhas aldeas anúnciase con toques de cornos e bater de cónchegas, pandeiros e aínda latas, cantando esta salutación:
¡E víndeo ver!,
¡E víndeo ver!,
o vello Antroido
que está teso e doído
ao pe dun carballo
sentando nun tallo
sin ter que facer.
¡E víndeo ver!
¡E víndeo ver!.
O Antroido – figurando nun monitafe de palla vestido ao xeito do país e cunha aguillada na man- ponse diante dun carro de bois adornado de ramallos. Tras do carro do Antroido, van os veciños vestidos con traxes grotescos e con carautas de pano ou de pelica, ou coas caras lixadas de carbón; e formando parte da comitiva figura o Choqueiro que, segundo o Picadillo, viste de muller e leva antifaz ou ben unha filloa ou unha pelica de coello ou de lebre. O Choqueiro non pode falar e somentes da berros inarticulados e reparte paus a eito.
Na terra de Laza saen polo antroido os Cigarróns. Son homes vestidos imitando aos toreros, cunha carantoña de pau e unha especie de tricornio.
Na Limia saían ate hai pouco tempo os felós vestidos polo xeito dos cigarróns e levando ao cinto chocas de vaca.
Os antroidos de Allariz chámanse Charrúas e son máscaras fachosas que denantes ían vestidas con traxes de moitas cores, con chocas no cinto e un zurriago de pelica.
Polas terras de Teixeira saían noutrora os Murrieiros, vestidos á semellanza dos devanditos.
Estas antroidadas, compostas de xente moza dun lugar ou da parroquia, visitan as aldeas veciñas onde son convidados os visitantes e ao remate arman bailes.
Na bisbarra de Becerreá a comitiva organízase como unha tropa co seu Xeneral ao frente, está composta de Xinetes e Infantes, uns e outros moi adornados con charreteiras, condecoracións e entorchados. Entón, o defensor da parroquia ameaza, pídelle os documentos que xustifiquen o ataque, e posta en claro a cuestión acaban abrazándose. A música toca e a xente baila e engule.
A entroidada de Cotobade chámase Momada e hainas que saen polo día e outras pola noite. As máis coidadas son as diurnas. Tamén se chaman Mascaradas e Maragatos.
A Momada componse de Lanceiros, Madamitos, Maragatos e Vellos, que van acompañados de xente de toda clase.
A Momada sae visitar as parroquias veciñas, levando diante os Lanceiros e seguida dos outros personaxes que, ao dar vista ao lugar a onde se dirixen, bótanse a correr dando choutos e aturuxos e tratando de coller ás mulleres para obrigalas a bailar e abrazalas.
O sinal do remate do baile chega cando unha das vellas colla do ronzal o cabalo dun Lanceiro e da con el unha volta arredor do turreiro. Entón, fórmase outra vez a comitiva e vanse a outro lugar a repetir o devandito.
Como remate das carnestolendas, no mércores da borralla faise o enterro do Antroido, concurrindo todas as mascaradas ao toural da feira para escoitar o Sermón ou Testamento do Antroido feito en verso por algún vate popular.
Mais a xente, que non renuncia de boa gana a se divertir, aínda celebra o chamado Domingo de Piñata, no primeiro de Coresma, que é o verdadeiro final do antroido e no que a xente se divirte, bailando arredor e baixo da Piñata.
E con esta festa, o Antroido na Galicia remata definitivamente.
Xose Ramón e Fernández Oxea (Ben Cho Shey), escribiu para a BBC o seguinte relato do Antroido en Galicia, que foi emitido pola emisora londinense o 5 de febreiro de 1991:
Xose Ramón e Fernández Oxea (Ben Cho Shey