O ENTROIDO CHANTADÉS
Non imaxino a xerminación e o despregue do Entroido de antano na Ribeira
Sacra. En toda a súa evolución e diversificación, como a que se manifesta
nas dúas parroquias ribeirás de Chantada, Santiago Darriba e Nogueira de
Miño. Fáltannos datos para definir as orixes destas manifestacións festivas
do introito de coresma. Nestes dous enclaves ribeiraos, onde se
determinaron expresións que aínda perduran no afán do colectivo veciñal de
respectar e fomentar tradición.
Moi poucos datos escritos pódennos axudar a revelar a autenticidade da
acción costumista dos deliciosos disparates e dos bufóns que ornamentaron
aquelas carnestolendas, orixinadas nos rituais pagáns que se facían en
honor de Baco, o deus do viño. Posibelmente esta festa báquica como as
saturnais chegaron ás nosas ribeiras coa expansión do Imperio Romano e xa
na Baixa Idade Media tivo outras connotacións ben distintas, inclusive
clandestinas, polas críticas feitas e parodiadas non admitidas á relixión
férrea e imperante. Tamén ao poder civil, non debemos esquecer que tanto
Nogueira e Santiago Darriba foron feudos do conde de Lemos e boa parte dos
foros e rendas que pagaban estas parroquias ribeirás ían á facenda
eclesiástica do bispado de Lugo e dos grandes mosteiros de bieitos e
cistercienses.
Cos cambios políticos operados durante todo o século XIX, as estruturas
sociais contraídas pola sociedade española deu pé a novas manifestacións
argumentadas na vella tradición de festas e celebracións. Nese século de
cambios e de contradicións, xurdiu unha nova crítica idealista entre
liberais e carlistas; clericais e anticlericais que foi un abono dinámico
para enaltecer a crítica no período de carnaval. Coido que o noso Entroido
non estivo exento de cambios ao manifestar turbulentas críticas contra
certo estado de cousas inadmisíbeis.
As crónicas de carnaval madrileño de Mariano José de Larra e de Ramón de
Mesonero Romanos, non deixan de sorprender esas condutas urbanas dos
embozados e enmascarados que respondían a escenas do teatro grego e latino
que se caracterizaba polas caretas, dando sorpresa burlesca dunha cerimonia
mímica e moitas veces inxenua cuxo fin era exhibir o portento ante os que
adulaban a nobres e cortesáns madrileños.
Aquel Madrid clasista, o dos privados bailes carnavalescos en decadencia
aristocrática, está na crónica de Larra, titulada: “Bailes de máscaras en
el carnaval de 1834”, no que manifesta: “Bastará decir que las pocas
señoras que asistieron, que las pocas elegantes que en aquel baile se
hallaron, engañadas sin duda, ni pudieron bailar ni osaron descubrirse; que
vimos infinitas mujeres sin guantes, que se bailaban los valses con la
figura del desmayo y que se yo qué otras antiguallas que de nada nos sirve
no haber alcanzado si nos han alcanzado ellas a nosotros. En una palabra,
concluiremos diciendo que nunca nos pareció tan feo el bello sexo”.
En Madrid había outra autenticidade no carnaval popular e non elitista, o
de rúas e prazas e non de salón reservado para os que non se enzoufaban coa
plebe. Na década de 1830, Mesonero Romanos, da conta disto no seu artigo,
titulado: “El martes de carnaval y el miércoles de ceniza”, admitindo: “Las
locuras del Carnaval tocan a su fin; la hora suprema del martes ha sonado
en todos los relojes de la capital; la población sin embargo, ensordecida
con el bullicioso ruido de las músicas y festines, no escucha la fatal
campana que le advierte, grave y sonora, que todo tiene término que la mano
severa de la razón acaba de arrancar la máscara a la locura. ¡Qué horas tan
próvidas de sucesos aquellas en que la noche del martes lucha tenazmente
con la aurora del día santo!... ¡Qué extravagancia de escenas, que vértigo
de pasiones en los últimos instantes del reinado del placer! ¡Qué contraste
ominoso con la tranquila calma de la religión y de la filosofía! (...) Todo
es, en fin, placer y movimiento y risa y algazara y cuadros alagüeños sin
pasado y sin porvenir; la capital entera resuena con las músicas
armoniosas; por las anchas ventanas se desprenden torrentes de luz y al
confuso sonido de la conversación y de la danza, mil carruajes precipitados
surcan en todos los sentidos las calles para conducir a los respectivos
seraos a los alegres bailadores”.
Estas bacanais de carnaval madrileño encarnan, na crónica puntual de
Mesonero Romanos, as particularidades que tiñan en todo o reino o carnaval,
que a ninguén deixaban indiferente. Aínda que as diferenzas son marcantes
entre o relato de Larra e o de Mesonero; entre o carnaval aristocrático e o
popular. As exaltacións do carnaval popular da época, débenlle moito ao
trienio liberal de 1820-23, no que rexurdiron festas con profundas raíces
populares nas que se manifestaban eses desafíos ao despotismo de Fernando
VII. Aínda que as esencias do divertimento e critica popular, que no
carnaval exhibíase, ante as normas fernandinas impostas despois do réxime
liberal, o propio Mesonero Romanos, en 1928, compuxo un poema que lamenta o
final do carnaval, titulado: “La Cuaresma”, que transcribo:
Este poema desvela comportamentos hipócritas do que se facía nos
carnavales de salón e na coresma, entre confesionario e sermón. Liberación
e alienación contrapostas en dous roles de comportamento e ritual do que
representa o carnaval, con seus excesos frenéticos e dando impulso ao que
se reprimía. A coresma simplifica toda esa carga de hipocrisía e ocultación
sinistra, ofendendo á intelixencia. A crítica de Ramón de Mesonero Romanos
está profundamente argumentada ante a situación daquel convulso principio
de século XIX, procurando levarnos a hipotéticos escenarios do que
acontecía en España polas calendas de Entroido.
Na Ribeira Sacra chantadesa déronse varias escenas de Entroido, todas elas
caracterizadas nun ambiente de pesada vida de labor, entre socalcos de
viñedos nese Cabo do Mundo chantadés, onde se asenta a parroquia de Santa
María de Nogueira de Miño, cuns parámetros moi especiais no que reflexa a
antropoloxía, etnoloxía, arquitectura, lendas e tradicións, un bocado
afastadas do que se contempla no resto. Así non é difícil comprender o
contexto en que o Entroido ribeirao de Nogueira e Santiago Darriba,
connotado en varios perfiles, como na indumentaria tan exaltadora que levan
os mecos e peliqueiros, cimbrando campaíñas para escorrentar os malos
agoiros dos señores rendeiros e aforados deste longa ribeira esnaquizada
por malos usos e abusos.
A transcendencia destas manifestacións do Entroido ribeirao chantadés,
proclama un enorme peso inherente que emerxe do inconsciente, e
relativizando certos pormenores sempre xurde a crítica contra un estado de
cousas, pola maneira de reproducilas neses ademáns furiosos e inducidos por
un tempero de liberdade expresiva e asumida pola identidade colectiva e
manifestada nesas máscaras e vestidos de escarnio e maldicir, resolvendo
así moitos matices vivenciais que só os do espazo xeográfico poden captar a
mensaxe e a alegoría desa trama.
O Entroido nas terras de Chantada está cheo de metáforas sociais, que
transcenden do medio como referente dunha crítica que se dá nas parodias e
nos movementos dos actuantes. Hai unha estética vital de recursos
ancestrais que configuran cada un dos procesos, moitos deles están a
expensas do esporádico.
Nesas dúas parroquias limítrofes das que vimos falando, sempre hai a teima
do valor engadido conque os veciños proclaman o seu e dubidan que o
Entroido do outro sexa mellor. No enclave de Nogueira de Miño e Santiago
Darriba xurdiu desde fai algúns decenios, o Entroido de Vilauxe, unha
parroquia solvente que arranca con forza e con atractivos espectáculos,
cuxas raíces proceden, talvez, do limítrofe herdo do Entroido ribeirao.
Parroquias como Sabadelle, mantivo na miña infancia a súa festa de Martes
de Entroido, con banda de música, dando animación a unha das festas de
inverno mais concorridas de Chantada. Nesta festa de Sabadelle que se facía
ao redor da capela de Santa Rosa, algúns dos veciños escenificaban parodias
xa moi diluídas dun Entroido xa lonxincuo e esquecido que, anos hai, chegou
a súa fin.
Pero non só nas terras de Chantada se manteñen vivas as esencias
tradicionais do Entroido da Ribeira Sacra. No concello limítrofe do
Saviñao, hai unha fonda e expresiva tradición dun longo ritual de fantasías
extremas, fundamentadas nas querenzas dun legado tradicional sempre
continuado na contundencia da liberdade colectiva. A miña mai era dunha
das parroquias do Miño ribeirao dese municipio, Segán, onde me contaba as
vivencias do Entroido da súa infancia, a principios do século XX, de todo
un convivio envolvente e participativo, mestura de inxenuidade e sabenza
popular. Unha festa laica, liberadora (non libertina), con fluxos pagáns e
con credenciais de non admitir mística confesional.