O entroido como indicador social (1)
Son moitas as perspectivas desde as que podemos observar o entroido (unha boa mostra é a iniciativa deste portal ao abrir esta páxina. ¡FELICITACIÓNS pola iniciativa), unha desas “visións” é estudialo como indicador da vida social.
O uso máis difundido da mesma palabra entroido é o de celebración da entrada a un tempo de austeridades e reflexións como é a coresma. Mesmo economicamente poderiamos dicir que, pasadas as dificultades da costa de xaneiro, e de ter “picado” (= gastado máis do pensado) nas rebaixas, compre redefinir as nosas previsións de deficit (¡cómo nós soa esta linguaxe!)social e familiar. Esta entrada ou redifinición dun novo tempo ten provocado ritos de despedida de praceres como é o abandono da fartura da carne –de aquí saíu o feito de carnem levare (deixar ou recortar o consumo de carne) e a palabra carnaval; pero a despedida máis dura para a humanidade é a de deixar a propia carne, o noso corpo, por esto tense aproveitado as datas do entroido para reflexionar sobre a brevidade da vida e así aprender a levar mellor a nosa pobre condición de humus (humano é aquelo que saíu do humus = esterco), e a esa condición algún día voltaremos, con esa perspectiva tamén aprenderemos a preparármonos humilde e penitentemente a traspasar esa entrada, cando chegue, a outra dimensión. Como esa aprendizaxe (a de despedirse de algo querido e entrar en algo descoñecido) é normalmente demasiado dura a humanidade optou por adestrarse con dúas conductas complementarias que o entroido activa especialmente:
• Unha, aproveitar o tempo e saborear cada día (carpe diem). O comer ben, bailar en alegre compañía, lucir prendas e adobíos varios son formas de gozar momentos felices, e tamén de aprazar o sentimento de fugacidade do presente. Comidas, música, bailes, son manifestacións típicas do tempo de entroido.
• Outra, írmonos familiarizando co momento e coa protagonista da morte: o esquelete e a gadaña. Disimular o medo co humor, aínda que sexa sinistro e con manifestacións grotescas de valor ante o descoñecido son manifestacións comúns no carnaval.
No fondo do medo aniña unha sensación de impotencia, desprotección ou culpa. Para liberarnos dos sentimentos culposos e dorosos hai o procedemento xa visto do desprezo en forma de risa, pero tamén foi moi estudiado, na antropoloxía cultural e filosófica, a existencia de ritos de perdón. Un deses ritos máis coñecidos é a do sacrificio dalgunha res (ovella, carbito, becerro...) que leve e lave co seu martirio as nosas culpas. Nesta liña produce –a veces- moita tranquilidade atopar un culpable ou culpables das nosas frustracións para ter a quen botarlle a culpa, é dicir, buscar e atopar un chibo expiatorio que cargue coas nosas culpas ou do que poidamos “facer risa” sen sufrir. Desta “tarefa” (dos combates entre D. Carnal e Da. Coresma) encárganse os contos e lendas de entroido, as charangas de carnaval, e as pezas de teatro que acostuman a ter como protagonistas a famosas e persoeiros coñecidos nomeadamente políticos ou famosas televisivas.
Vemos, pois, que o entroido e tempo de festa e reflexión; pero tamén se pode aproveitar para estudiar como anda a nosa sociedade. Quérese dicir que se é verdade o que di o refrán: pola mesa e polo chocalleiro aparece o cabaleiro (en la mesa y en el juego, se ve al caballero), entón no entroido podemos ver ao cabaleiro (=ás persoas), porque temos “mesa – gastronomía” e varias formas de “xogos - disfraces”. Na análise do entroido, en concreto nesta páxina web, podemos ter unha fonte de información de cómo nos vai a vida, é dicir, temos a posibilidade de observar o entroido como un indicador social.
Manuel Regueiro Tenreiro