O entroido como indicador social (2)
O entroido como indicador social (2): PROPOSTA para ESTUDIO.
Algún visitante / lector desta páxina wb. -en concreto do artigo anterior- ten solicitado unha exemplificación práctica da teoría desenvolvida, é dicir, sobre os indicadores sociais aos que dá lugar a celebración variopinta do entroido.
Entendemos por indicador social á presencia ou ausencia de actividades concretas, colectivamente significativa, nunha sociedade determinada.
Como xa temos teorizado, as actividades colectivamente significativas nas celebracións do entroido clasificámolas en:
➢ Gastronómicas. Son as que xiran sobre as variantes culinarias destas festas, en conxunto ou por separado: cocidos, buteladas, freixoadas, chorizadas (con ou sen cachelos), e sobremesas especiais: orellas e doces típicos.
➢ Musicais. Nestas actividades ten un papel preponderante as diferentes versións corais ou individuais de cantigas e letriñas varias. Estas actuacións agrúpanse baixo o epígrafe de cantigas de carnaval.
➢ Xogos e escenificacións.- Estas actividades veñen de moi antigo, podemos lembrar os combates de Don Carnal e Dona Coresma, e as pezas teatrais ás que deu orixe. Na actualidade hai versións daqueles combates nas regueifas, concurso de “aloitadores ou dos xerais” (poden ver exemplos en fotos desta páxina), pezas de teatro satíricas ou funerarias (co protagonismo da morte), representacións na rúa: comparsas e murgas.
➢ Tamén hai variedade de bailes nas prazas, en locais sociais, pasa-rúas de entroidos (enmascarados), desfiles a cabalo ou en diferentes medios de transporte, como carrozas, que tamén serven de escenarios itinerantes.
Estas actividades admiten un estudio comparativo entre esas actividades formalizadas / estandarizadas; fronte a outras máis espontáneas / informais. Nestas últimas entran actividades que cualificamos de “populares” porque xorden da iniciativa privada e con variantes en cada celebración carnavaleira. Debemos destacar que sempre esas iniciativas “informais” teñen unhas pautas mínimas de desenvolvemento, por tanto, normalmente son actividades semiespontáneas.
Como do que tratamos é de ofrecer un exemplo práctico (modelo de estudio) para analizar as nosas sociedades no entroido, propomos o seguinte cadro indicativo de anotacións:
Conclusión:
Con estas táboas indicativas é posible ir facendo diversas análises –por tanto,vendo outras posibilidades- de cada celebración:
• Datos estatísticos comparativos p.ex., de asistencia.
• Valoracións con entrevistas pautadas = barómetros de aceptación social, ou de “popularidade” de persoeiros públicos
• Cuantificación económica de vendas, entradas a espectáculos, etc.
• Estudio de contidos dos textos empregados en cantigas, contos, pezas de teatro ...