O ENTROIDO DE SALCEDO, PREGÓN DO ANO 2009.
Qeridas Madamas e Danzantes, queridos sirvientes, galáns, criados e amos do noso entrañable Oso de Salcedo, grazas por escusar hoxe as tantas penas e inxustizas, as guerras e os abusos. Hoxe ten que se impoñer a ledicia, as festas, as gañas de vivir, a fachenda e orgullo da orixe, os respecto pola tradición, a celebración dos tempos, os encontros que convocan á comunidade, …son elementos de afirmación dun grupo de xente que aposta pola vida e polo seu futuro. E vós, todo o pobo de Salcedo, tedes este camiño andado para garantir un enorme futuro. Porque apostades polo amor ao propio, …sabendo que tamén é sementar no amor ao alleo. Porque soubestes achegarvos ás cousas máis pequenas da vida, esas que enchen os tempos e os espazos máis íntimos para non alucinar pasmados diante dos espectáculos irreais e de espellismo, do que tanto nos enchen os medios de intervención comunicativa, e que o virtual das novas tecnoloxías nos presenta. Nós sabemos que a vida é fundamentalmente outr a cousa, é calor, contacto, apoio desinteresado, saberse integrado e útil, saber botar a man e ser agradecidos, sen medos, …tamén o esforzo e a esperanza nunca perdida que nos orienta na busca das maiores cotas de felicidade e liberdade.
Estamos no primeiro equinoccio do ano, o que máis afecta á natureza e á paisaxe humana, mesmo fisicamente. Danse os primeiros signos de renovación: días máis longos, máis luz, máis cor, …O Entroido abre a porta de entrada para ese tempo de innovación e cambio. Cómpre unha nova actitude, unha ruptura, un cambio para así convocar nun novo encontro cos nosos, para integrarnos creando un ambiente lúdico que permita coller forzas e avanzar no esforzo e na colaboración, na axuda, na emparza, na canción que arreda os males, no riso que vence as preocupacións, os medos e as nostalxias.
O Antroido é unha festa páganas que provén da noite dos tempos, serve de chamada á vida, á primavera de luz, á primavera das flores, á primavera de cores. É unha festa que racha definitivamente co inverno. Vén desde tempos non lembrados ata os nosos días. Forma parte do ciclo anual de feitos naturais e astrolóxicos que coinciden cos ritmos dos traballos do campo. Son tempos marcados –solsticios e equinoccios- de labor e preparación do campo, das sementeiras, das colleitas, das vendimas, dos magostos: Os Maios, os lumes de San Xoán, Nadal, Antroido, Outono, …En todos eles se tenta entrar purificados nos novos tempos a través de símbolos como a auga, o lume, o aire, a luz. Son elementos vivos do pobo, son como a lingua, como a canción, …festas e teñen o enorme valor de dar cohesión social e orde á comunidade que as emprega a sabendas de que así, fortalece os vínculos dos seus elementos. Non só porque afianza relacións dos seus membros, senón porque promove prácticas e críticas sociais, daqueles aspectos iniciáticos e de preparación para a xente nova, nas relacións sociais, no respectos, no traballo, na danza, na música, nas bromas, celebracións e aquelas lembranzas comúns, …á vida!
É anarquía, revolución, ruptura. E para que?. Veredes, para desenvolver unha capacidade creativa que todos temos. Unha capacidade que nos fai máis flexibles e tolerantes, máis humanos.
Imaxinade canda min, neste tempo de economías partidas polos ricos, neste tempo de guerras e miserias, de fames e de pateiras, e inmigrantes e emigrantes, …imaxinade digo: as cousas do revés. Si, os pobres feitos ricos, os ricos pola súa parte exercendo de pobres, …aos monárquicos imaxinádeos republicanos, aos de esquerdas de dereitas, aos amos imaxinádeos servos, aos médicos pacientes dunha doenza, aos mestres de alumnos, …e así todos e facéndoo en perfecta impostura, con pleno exercicio de empatía, na representación exacta dos papeis representados. Sería un exercicio de humildade enorme, porque esixiría comprender aos demais e que os demais nos comprenderan e así, poder establecer máis fortes vínculos para a aproximación social, buscando posturas menos antagónicas e máis próximas. Sería o modo de entender, de mediar, de intervir no diálogo eficaz, nos eidos do sentido común e da razón. Eu estou seguro que si, que o mundo sería mellor sendo quen de ser rir de si mesmo. De ri r sen dramatizar, sen poñer unha tea de medos diante dos ollos. E ese exercicio é ao que nos obriga o Entroido. En todos os lugares nos que se celebra, …e vós imaxinando un Oso, que anque vestido con peles de ovella, é quen de exercer un poder temporal que cambie as tornas, de arredar os malos espíritos e así, avivar os espíritos durmidos co son das chocas, de reaparecer despois do inverno para restablecer a primavera e, co seu poder, a esperanza de poder vingar as inxustizas, as daqueles que mallaron en nós durante séculos. O oso representa esa natureza salvaxe que simboliza un certo medo –ao personaxe forte e ben alimentado nas alvarizas próximas- e que ataca de broma aos veciños e foráneos entre quen escolle as súas presas. E así, arremedando a realidade de forma burleira, mesmo faremos risa dos que non saben rir, e terán que aprender das cousas simpáticas que a vida –tamén- ten. Teremos que gañar aos que –sen sabelo- borraron da faciana a expresión riseira que nos relaxa, nos distrae e optimiza. É normal estar alegre a pesar das nubes grises: sempre despois da escura noite, vén un novo amencer. Cómpre erguer de novo, aínda que sexa das mesmas cinzas nosas, porque nós sabemos que é imposible gañar sen saber perder, que é imposible acertar sempre sen se equivocar un cento de veces, que é imposible vivir sen saber vivir. Cómpre, pois, saber caer e saber erguer diariamente e, quizais varias veces ao día, errando, vivindo e sabendo triunfar por riba das derrotas.
Duran estas festas –como todos sabemos- dúas semanas e media –dezasete días- anteriores ao mércores de cinza e os seus días máis sinalados son: DOMINGO FARELEIRO OU BORRALLENTO (septuaxésima) que ten de motivo a troula e trapallada batendo latas, pandeiros, ferros. Os mozos bótanse farelo ou fariña, borrallas, cinzas ou sarrio ou sucarmo dos potes ás mozas –canto mellor vestidas, mellor- como símbolo de fecundidade (por iso bótano por riba delas) e isto acende os ánimos das ofendidas que se enlean en liortas. Tamén se rouban cancelas e apeiros de labranza, póñenselle “burros” aos despistados. O XOVES DE COMPADRES: é o seguinte xoves do domingo fareleiro e nel, os mozos e mozas, pelexan polos bonecos “compadres de palla” representan aos homes e lévano polos rueiros na punta dun pau, mentres os outros pretenden arrincarllo e levarllo para o seu lume, pois representan ao sexo contrario e sería para queimalos –simbolizando cada un o poder dun sexo sobre do outro. Ao boneco chámaselle “meco ou lardeiro”, nome este último que aparece no Arcipreste de Hita “El Alférez don Carnal”. O DOMINGO CORREDOIRO OU CACHELEIRO , nese día –segundo as comarcas- mozos e vellos botan fariña, cinza, formigas –as formigas lobo, que picaban máis, auga, …por riba da xente. Nalgúns sitios mantéñense os xogos das olas ou cachelas –tíranse olas de barro entre eles e procuran non a deixar caer- semella ser un xogo de fecundidade e de pregaria para que chova. Aparecen os xogos de auga. Antes de apareceren os confetti –ou papeliños de cores- empregábanse améndoas e migas de pan con azucre para tirar desde os balcóns ou fiestras. Noutros lugares fan “a corrida do galo”. Nela “o galo” sabendo xa da súa sorte, canta: “…aquel día tan funesto –domingo de corredores, queren quitarme a cabeza e comeranme os señores”. Quen conseguía pillar o galo, levábao para el e comíao na casa. O galo sempre deixaba un testamento repartindo ben o que tiña: debaixo das plumas do corpo, por seren as máis honestas, para as mociñas da aldea: que se afeiten polas festas!. Xorden en moitos sitios, este día tamén, os “testamentos ou sermóns” (este últimos cando arremedan aos curas cando desde o púlpito chamaban á orde, e neste caso tamén levan sentencias morais de comportamento) que son como pequenos resumes e críticas sociais dos acontecementos ao cabo do ano, fanse sobre feitos da parroquia e levan moita sorna, en moitos sitios constitúen pezas cantadas e improvisadas sen medida fixa.
O XOVES DE COMADRES os mozos fan o boneco de palla vestido de muller con roupa roubada e pendurábano dun pau no medio do pobo ou da praza. No intento de recuperala roupa as mozas chegaban á loita corpo a corpo sen ningún reparo. Se non o conseguían, queimaríase pola noite publicamente na praza e facéndolles burla. O DOMINGO DE ENTROIDO marca o inicio dos días máis importantes, dura ata o martes. Neses días todo está permitido. Son días de bacanal, de transgresión, rómpense todas as formas sociais. Pódese criticar, manchar, gastas bromas pesadas, et. pero mesmo rexen normas sociais e populares nas que os que traballan eses días son publicamente castigados a pagar con viño. Nalgúns sitios poñen durante os tres días unhas mascaras –indicadoras dun rango especial- e de xeito que ninguén poida descubrilas, nin sequera intentalo, nin interromper o seu camiño. O MARTES DE ENTROIDO é o día do folión final, do ruído cos instrumentos máis sonoros e mesmo estraños. Todo o pobo se despide do Antroido entre choros e prantos: na mesa ten que haber fartura de carne de porco. Nalgúns lugares aparece o Meco feito de pallas e trapos –imaxe representativa do inverno, que morre- e será queimado ou lanzado ao río. O Meco tamén deixa o seu testamento ou sermón, chamado o “Testamento do burro” e nel, se critica a todo o mundo: autoridades, mulleres, homes, …et coa intención de purificar os costumes sociais entre os actores, autores e espectadores da Festa.
O domingo, luns e martes de Antroido está prohibido traballar, son tan sagrados que a quen pillen facendo algún labor póñenlle unha multa, que pode ser pagar o viño aos que o descobren.
O domingo posterior ao Antroido véñense facendo, nalgunha aldea ou vila, os bailes de piñata, caracterizados por esa ola grande ou piñata colgada no teito do pendello ou salón e que tiñan que baixar a paus a xente nova cos ollos vendados. Dentro levaba doces e regalos que repartían entre todos.
E nós non queremos deixar de felicitarvos hoxe a vós, habitantes de Salcedo, por brillar con luz propia coas vosas excelentes tradicións. Sodes exemplo de cómo se poden manter e disfrutar delas coa participación afectiva e efectiva de todos os membros da comunidade, sentíndovos auténticos e felices de atesourar e de pasar o testemuña ás xeracións vindeiras. Por iso esta felicitación de corazón, entrañable e sentida. Podedes crernos. Para nós sodes referente do bo facer e quedamos engaiolados de vós desde aquela lonxana actuación con “Fuxan” un día que chegabamos con varias horas de retraso e, aínda así, soubestes comprender e compartir connosco a ledicia do Noso, da nosa Cultura, a fachenda de sermos e exercer sendo. Non hai moito tamén viñemos a representar a obra de “PAN” na compaña de bos amigos e na grata lembranza daqueles traballos dese necesario alimento e dos traballos que o arrodean pero que mantiñan unido ao pobo. Vós mantedes aínda –e confío que por moito tempo- a vosa malla e a emparza colaboradora e social, esa que enreda a todas e todos para, colectivamente, facer máis levadeira a nosa vida. En hora boa por serdes así, tan auténticos. Sodes envexa de moitos lugares! Moitas GRAZAS por existir e por contar ao mundo como somos!. Grazas pola vosa actitude vital!
CANTO DE REMATE.
Poñan atención señores
que lles vimos a contar
o Testamento do Antroido
nas coplas do Carnaval.
Corre o ano dous mil nove
que trae neve e vendaval
quere lavar tanta merda
que xa cheira moito e mal.
Que este ano trouxo neve,
trouxo auga e trouxo vento:
correndo levaba as tellas
as árbores e os pendellos.
Os políticos non paran
e a economía está frouxa
botan a culpa uns a outros
e nós pagamos a conta.
E houbo os seus cortes de luz,
estradas cheas de xeo,
golpes de mar pola costa,
mais alta a costa puxeron!
Pero hoxe estamos de troula
e cómpre esquecer as penas,
temos aberta a esperanza
temos a esperanza aberta.
E aquí vimos a Salcedo
para despedir o inverno
darlle entrada á Primavera
con ledicia e con festexos.
Celebramos o Antroido
que desde orixe dos tempos
foi festa agraria e perdura
neste equinoccio primeiro.
Somos terra e somos xente
orgullosos do que temos
celebramos estar xuntos
na honra de ser galegos.
E aquí vimos a Salcedo
para cantarvos un pouco
abonando as esperanzas
do noso Antroido e do Oso.
A música e a palabra
son esas marcas do pobo
que fan erguer desde as cinzas
e agatuñar sobre os soños.
Celebraremos comendo,
celebraremos bailando,
aloumiñando os encontros
dos tempos no calendario
Arrimándolle ledicia
aos que están máis apenados
coa esta inocente festa
que participa do caldo.
Faremos que entre o Sol
dando a volta do revés,
rompendo coas rutinas
que entre a luz dunha vez:
Que o Oso pille aos caciques,
que os levante moito e ben
para que caian do alto
pisen a crisma cos pés.
Que o Oso espante os medos
as dores e as desgrazas
sen concederlle despensa
nin os deixe entrar na casa.
Somos xente e somos terra
e pobo que sempre garda:
as tradicións son tesouros
mellor que o ouro e a prata.
E gustamos de estar xuntos
cos que de nós teñen falla,
cos que celebran a vida,
cos que festexan e cantan.
Mero.
Baldomero Iglesias Dobarrio