O Entroido en Loentia
Antigamente tivo unha longa tradición o Antroido en Loentia. Ese dia pola
mañá viña aun home disfrazado e moi elegante por toda a parroquia, que se
chamaba O FARALEIRO, dábanselle chourizos ou marranxas. Traía unha moca e
petaba con ela ata que lle daban algo. Logo, sobre as tres da tarde,
empezaba a festa.
Había cabalos correndo o galo. Colgaban os galos nunha corda dun lado da
pista ata o outro, pasaban os cabalos cos seus elegantes cabaleiros tirando
polas cabezas dos galos, a ver cal arrincaba máis. Os cabalos eran
prestados, pero ían enrestrados e moi preparados, con rosas de papel. Ó
final ían unha carreira a ver cal gañaba.
Facían un Entroido de palla para logo queimalo. No sombreiro metíanlle
pólvora, o traxe era de papel. Había catro persoas vestidas de vellas e
vellos enmascarados que ignoraban moito polo Entroido.
Había un bo sermón que lía un predicador e criticaba algo a toda a xente,
sobre todo aos comerciantes e políticos. Isto facíao unha persoa
intelixente, e todo o facía cadrar en verso.
Pasaban unha foliada moi divertida. Á noite había baile e viña moita
xente das parroquias veciñas.
Todos unidos e felices disfrutaban da foliada do Entroido.
Sermóns do Entroido
Esta parroquia, xa vemos,
de fortunas anda mal,
que sempre fixo unha boa festa
e máis dun bon carnaval.
Desexo que todos xuntos,
unidos en irmandade,
pasemos ben esta festa,
con moita felicidade.
Boas tardes ós maiores,
ós pequeniños tamén,
ás rapazas e ós rapaces,
non quero deixar ninguén.
Secundino Fernández Castro
Alumno do colexio Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea (Castro de
Rei-Lugo). Datos publicados no libro "Anacos da nosa cultura”.