Skip to main content
Entroido en Galicia | Carnaval en Galicia logo
  • Galego
  • Español

turismo galicia

Primary links

  • O Entroido
  • Artigos
  • Gastronomía
  • Qué visitar
  • Axenda
  • Protagonistas
  • Carteis
  • Fotos
  • Publicacións
  • Na rede
Inicio

O Sermón e os versos do Entroido

O Sermón e os versos do Entroido

O Sermón do Entroido é parte principalísima nos ritos do Carnaval galego. Noutro tempo non faltou en ningures, sendo unha das millores ocasións para poñer en xogo a inventiva e a sátira. Ten formas diferentes.

Unhas veces refírese á vida do Entroido, sexa en forma apoloxética, enumerando as súas virtudes, sexa, pola contra, condenatorio, botándolle na cara as súas falcatrúas, chamándolle “larpeiro”, “larafuzán”, etc... A acusación máis común é a de que lambe el a carne toda e que deixa á xente sen nada, e isto total para tres días que vive.

Outras veces o sermón trata das cousas que pasaron na aldea polo ano adiante, sendo unha verdadeira crónica satírica da vida dos veciños ou dalgún suceso particular que teña chamado a atención.

Moitas veces colle a forma dun “Testamento”, que pode ser o do Entroido mesmo, o dun burro ou de calquera outro animal ou persoa. Con seguranza, nos tempos antigos, tratábase sempre do Testamento do Entroido, anque despois fora sustituido polos outros, e tamén é probable que moitos romances tradicionais ( “O testamento do gato”, “O testamento do galo”, etc.) teñan ista orixe. En calquera destes casos, o sermón soe servir de pretexto para se laiaren, dun xeito humorístico, dos malos tempos, dos traballos dos labregos, da vida ruin que se leva na aldea, dos abusos das autoridades, recaudadores, xustiza, etc.

Estes sermóns son improvisados ou escritos atergo por poetas da aldea, habendo sempre algún especialmente encargado do conto, por ser home acreditado polas súas ocurrencias. Velaquí un botado en Meda (Castroverde,Lugo), en 1928:

Non extrañedes, rapaces – que anque son vello e mal feito,
queira poñer en compase – o que hoxe me sinte o peito.
Obrigado é dicir algo – nesta festa feiticeira,
pareceume moi do caso – contar cousas da lareira.
pra espricarvos, pois, en prata – i entendais o que vos digo
vinde comigo á cociña – i escoitai polo postigo
dunha casa das da aldea – anque sea a do tio Mingos.
Escoitai de boa gana – e mirai polo cerrollo
como conta a tía Froilana – moitas cousas do mal de ollo.
Mais Mingos non lle fai caso – que está tirando a caldeira
e, de veces, entre tanto – chámalle faranduleira.
mais ven logo a tía Xuana – para facer algo de cena,
i enseguida irse á cama – en arreglando a facenda.
chega Farruco do monte, - empeza a baragundiar,
bota cachelos na fonte: - “Caramba, quero cenar”.
Sale Mingos: Ai, Farruco – eu de ti non cho vería
que tomases tanto o pulso – ó quedar sin a morcilla.
Has de saber meu Farruco – que mentras un beba e viva
non faltará nesta casa – bon chourizo e boa morcilla.
Porque na nosa pobreza, ´que non fago ben decilo,
nunca nos faltou na mesa – caldo bon, pan e touciño.
e xa nos meus antepasados – nesta casa así viviron,
ben fartos e ben honrados, - respetados dos veciños.
Desde Xan ata o tío Mingos, - e si non foran as pagas,
tantos dotes i as manuicas, - esta casa iría arriba,
desempeñada de trampas. – Está Xuana ben sentada
tras do lume, nun mesote, - facendo grandes novelos
pra unha saia de picote. – Sempre foi idea dela
marmular de todo o mundo, - pero agora que vai vella,
non deixa da man o fuso. – Moito fía, moito fala,
moito reñe cos pequenos, - que se toman a porfía
de marmular os temperos. – Non marmula a condenada
cando rezan o rosario, - pro sempre está topeneando,
sentada xunta o andámeo . – Pro é tan aforradora
que alabala non é moito, - pois sempre lle chega a carne
desde a matanza hasta o entroido. – Pasaramos a outras cousas,
xa é tempo de acabar, - porque o tío Mingos relouca
i o rosario vai rezar. – Pro como está constipado
limpa os mocos ó saleiro – e logo que está ben sonado,
bota mau ó tabaqueiro. – Funga ben, funga, tu Roque,
todos debemos fungar, - porque o rapé pola noite
eche manteiga de azar. – Ponse mentras ca rodilla
o rosario e o mecheiro. – Rezan todos o rosario,
unhos mal e outros con ganas – i enseguida que se reza,
vaise todo o mundo á cama.

 

O noso Entroido ten literatura propia, consistente principalmente en cántigas que acompañan moitos dos seus divertimentos, na aldea, e na cidá outras que se escriben para cantaren nas comparsas; endemáis hai as correspondentes á despedida de Entroido. Damos a seguida algunhas mostras.

En Dozón, as máscaras que visitan as casas cantan cousas coma estas:

 
Este é o santo Entroido,
é o santo verdadeiro,
o que quere o santo Entroido
é que lle enchan o calleiro.
 
Anque lle vimos aquí,
non é por facerlle mal,
vimos por lle anunciar
que estamos no carnaval.
 
Este é o santo Entroido,
Élle fillo de Marica,
hoxe non lle quere o pan
e mañá estima a Vica.
Acudide ó santo Entroido
cunha xarriña de viño,
se queredes que este Santo
vos prepare un maridiño.
Pontas de rexo con carne,
pan pouco abondará,
a que se chane a el de veras,
xa se nos casa mañá.
 
En Lobeira (Bande), cantan estas outras:
 
Cando querades mandar
avisaredes primeiro,
pra vos irmos acadar
con foguetes e gaiteiro.
Eu xa puxaba para tras,
eu xa non queria vir,
había festa no pobo,
sólo por me adivirtir.
O Entroido é moi goloso,
porque lle gusta o touciño,
de Zabariz foi contente,
que lle untaron o fuciño.
Zabaríz e máis Torneiros
xogaban ó Carnaval;
sendo lugares veciños
é cousa moi natural.
 
De cantigas de despedida de Entroido damos as seguintes:
 
Adiós, martes de Entroido;
adiós, meu queridiño;
hastra o día de Pascua
non se come máis touciño.
Adiós, Martes de Entroido,
adiós, meu queridiño;
Hastra Domingo de Pascua
non volvo untar o fuciño.

Vicente Risco en “Etnografía” da
HISTORIA DE GALICIA, dirixida por
Ramón Otero Pedrayo.
Vicente Risco
Vicente Risco
  • Facebook Like
  • Tweet Widget
  • Google Plus One
  • Sobre o Entroido
  • Vicente Risco
  • Facebook Like
  • Tweet Widget
  • Google Plus One
Facebook Like Tweet Widget Google Plus One

Eventos do Entroido 2023

entroido carnaval antroido galicia dia

Xaneiro

 Sábado do Petardazo

Domingo Faraleiro

Febreiro

Colgamento do meco

 Domingo Oleiro

 Xoves de Compadres

 Noite de Mulleres

 Domingo Corredoiro

 Xoves de Comadres / Noite Corredoiro

Venres de Entroido

Sábado de Entroido

Domingo de Entroido

Luns de Entroido

Martes de Entroido

Mércores de Cinsa / Enterro da Sardiña

Domingo de Piñata

Luns de Farrapos

galicia digital
Aviso Legal | Politica de Privacidad | Política de cookies | Contacto
InternetGalicia