Os días do Entroido
Domingo fareleiro
O tempo de Entroido comeza no Domingo Fareleiro – septuaxésima- mais ás veces xa antes se nota unha sorte de impaciencia, de formigueo ou de ganas de troula, precursores do Entroido. Toques de corno que se sinten dun lugar a outro, de moi lonxe, o estrondo dunha “lata de gas" empregada como tamboril, tocada con dous paus, anuncian na aldea, e antigamente na vila ou na cidade, que xa ven aí o Carnaval (máis frecuentemente, Os Carnavales). O corno é propio dos mozos, a lata dos rapaces. Rapaces mozos, homes e vellos agardan con ilusión a chegada do Entroido, sexa pola troula, sexa pola enchenta.
O calificativo de “fareleiro” venlle ao primeiro domingo do Entroido dos farelos que se empregan nas bromas deste día.
Os mozos collen saquetas cheas de farelos, e aínda de fariña ou feila dos muiños, para botarllos ás mozas e ás mulleres todas, na roupa, canto millor vestidas vaian mellor, e tamén na cabeza, na cara e, se pode ser, na boca, meténdollas ás presas. Esto trae pelexa e loita da que as mozas saen acesas, mais tamén moitas veces vencedoras. Algúns botan os farelos con foles de azufraren as viñas; outros lévanos nunha saqueta de tecido floxo pendurada na punta dun pau e con ela baten na xente para que a saqueta guinde os farelos.
Pero moitas veces, o que levan non son farelos senón borralla. Esta emprégase durante todo o Entroido, e as máscaras que a levan soen ser chamados borraleiros, borrallosos ou cinseiros. Os farelos chámanse pola parte de Monforte e de Bóveda, fariñotes.
Unha variante cidadá dos farelos era a dos burros. Os estudiantes das escolas, colexios, e institutos recortaban en pano a figura dun burro e levábana prendida cun fío a un dos dedos da man; pintábana con tiza e tirábanlla ás persoas no lombo; ó turrar polo fío, o burro quedaba pintado na roupa da vítima.
Outra das bromas do domingo Fareleiro era a de botar chisnas, ou sexa chisnar na cara uns a outros con sucario dos potes, sarrio das chemineas ou do forno, betún dos zapatos, tinta, carbón, etc.
E lugar de farelos, usáronse en certos sitios como Barbadás, Verín, etc., pinturas, serruxe, pemento moído. A usanza dos papeliños –confetti- é moderno, mais tivo moita aceptación e con eles mozos e mozas facían como cos farelos, sendo máis divertido meterllos na boca uns a outros.
Pola parte de Chantada, ó Domingo Fareleiro chámanlle Lambedoiro.
Xoves de Compadres
O Xeral e a usanza antiga perece ser que a primeira quinta feira do Entroido sexa o Xoves de Compadres, e asegunda a de Comadres. Así e todo, en moitos lados cóntanos ao revés.
De todas as maneiras, nos dous danse ritos característicos, representación simbólica da guerra dos sexos.
No Castro de Caldelas, por exemplo, o primeiro Xoves, as mozas facían con palla e farracos uns bonecos, os compadres, paseábanos na punta dun pau, e logo queimábanos ou procuraban queimalos. Os mozos, con gran algueirada, querían quitalos, para que non lle poidan poñer lume, e armábase grande pelexa na que interviñan a auga, a borralla, as chisnas, etc. Hoxe son os rapaces os que fan esto, e os compadres soen ser de papel de seda de cores ou de periódico; moitas veces tratan niles de imitar a figura dalgunha persoa coñecida, a cal non é raro que se enfurruñe pola broma. As persoas maiores axudan a preparar os bonecos, e non se esquecen de lles dar intención. O Xoves de Comadres invírtese a cousa, e son os mozos ou rapaces os que fan e queiman as comadres.
Non sempre é a cousa deste xeito. Hai sitios onde é ó revés: Os mozos fan os compadres e as mozas quérenllos queimar; e o xoves seguinte pasa o mesmo coas comadres feitas polas mozas.
Un caso de transporte ou contaminación semella ser o de algunhas aldeas de Parada do Sil, onde o Domingo e o martes de Entroido os homes fan unha muller de palla, e as mulleres un home de palla, que lles chaman o Compadre e a Comadre, e despois de pasealos polas aldeas, rematan por poñerlles lume. Estes bonecos veñen ser, neste caso, como os Entroidos ou Mecos noutros lados, que tamén, ás veces, se presentan por parellas. Sen querer, esto tenta a un a pensar en supervivencias de estados sociais prehistóricos, nun simbolismo das loitas entre patriarcado e matriarcado, na queima en efixie, por uns, da autoridade femenina, por outros da masculina.
Domingo Corredoiro
O Domingo de Sesaxésima leva o nome de “Corredoiro”, segundo din porque ese dia comézase a correr o Entroido. O de correr o Entroido aplícase a calquera dos divertimentos deste tempo.
O emprego dos farelos, a borralla, as chisnas, segue co mesmo entusiasmo. Noutro tempo o que comezans neste día era a usanza da auga. En Ourense, as señoritas botábanlle auga á xente desde os balcóns, con xeringas de folla de lata; por esta causa a xente levaba paraugas ainde que fixese ben sol. Na aldea empréganse os cichotes, que os rapaces preparan cunha cana ou cunha ponla de sabugueiro e un émbolo feito dun pau con estopas. Hai sitios onde os rapaces agardan xa, en lugares adoito, a sáída da misa para escomenzaren a cichar auga na xente. A troula segue pola tarde. En Sabadelle (Pereiro de Aguiar), as mozas da parte baixa da freguesía atentan aos mozos que veñen da parte alta con este pareado:
Os mociños da montaña – non teñen auga nin borralla.
Os mozos fan honor a esta provocación con moito barullo e facéndoas correr.
Noutro tempo, o mesmo nas cidades que nas aldeas, tiraban ovos enteiros ás mulleres. Nas cidades, as rapazas soían estar asomadas ó balcón coa roupa pior que tiñan para que non as luxasen cos ovos que se viñan escachar nos seus corpos ou nas paredes, deixando chorretes brancos e marelos que escorregaban para abaixo. Nas aldeas era, ás veces, aínda peor porque os mozos procuraban ovos chocos que deixaban un cheiro fedento.
Máis fino era encher as cascas baleiras dos ovos con auga de colonia que se vertía ó rompérense,. Outras veces era auga natural, e máis tarde enchíanse tamén as cascas de ovos con papeliños.
Antes de viren os papeliños, houbo a moda das almendras, que nun principio eran comestibles e despois preparábanse para o Entroido con fariña e un pouco de zucre e ata sen el. Unhas e outras eran duras e os mozos guindaban con elas ás presas contra dos balcóns e das fiestras onde estaban as rapazas. Moitas veces as almendras mancaban ás persoas asomadas ou crebaban os cristais das vidrieras; por esta razón, nos sitios onde había moita pelexa quitaban eses días as vidrieras, sobre todo se eran das que abrían para fora.
Os señores finústicos, os polos chamados gomosos, sobre todo se eran noivos ou osos das agraviadas, botábanlles auténticas peladillas de dulcería, doces, caramelos e bombóns. Por ben que atinasen, sempre caían algúns doces na rúa, e os rapaces collíanos á rapañota; polo tanto, toda pandilla de polos correndo o carnaval iba seguido por unha chea de rapaces de todas as idades. A rapañota impedía o paso da xente, os rapaces metíanselle entre as pernas e, ás veces, facíanos caer. Algúns bromistas aproveitaban esto botando desde os balcóns dos casinos e sociedades caramelos ou candelas, sobre todo cando pasaban señoras e señores de calidade; algunhas veces un grupo de dúas ou tres señoras atopábanse completamente rodeadas de rapaces, de xeito que non podían ir para adiante nin para atrás.
Os “confeti” ou paqpeliños, apareceron xunto coas serpentinas a fins do século XIX e tiveron entusiasta acollida o mesmo na cidade que nas aldeas. Ó principio hasta se preparaban na casa picando papeis de cores dos prospectos e dos anuncios; botábanse ás presas cos mesmos cartuchos nos que as vendían ou colléndoos na man e soprándolles. Na aldea gustaron moito e empregáronse igual que a farña, procurando meterllos na boca á xente.
As serpentinas empregáronse moitas veces nas aldeas para enfeitar os corredores e balcóns e os sitios onde había festa.
Algunhas veces empregábanse uns vilanos que florecen por este tempo, que se botaban soprando e apegábanse á roupa de tal maneira que semellaban que se metían no tecido. A mesma usanza tíñana e teñen en moitas aldeas os tascos do liño e o tamo que se pousa nos teares. Na Gudiña (Viana do Bolo), fan con esto foguetes, ou sexa que lle poñen lume e os botan ardendo.
A arma máis temida do Entroido son as formigas. O seu emprego, actual ou pasado, sinálase en Allariz, San Pedro de Moreiras, Xinzo de Limia, Carballedo(Lugo), Laza e outros moitos sitios. Apáñanas vivas nos formigueiros, procurando de preferencia as máis grandes, negras ou bermellas, das que chaman formigas lobas, que morden coma diaños e lévanas en saquetas para botarllas ás mulleres. En Allariz facían esto noutro tempo polo Corpus, e a tradición asegura que esta usanza viña de tempos antigos, cando había xudeus na vila; dediante da procesión do Corpus iban dous homes con fardeliños cheos de formigas para botarllos ós xudeus para que se fosen, pois din que saían ver pasar a procesión e que lle puñan os cornos coa man cando pasaba a custodia.
Outro costume era o de que os rapaces lle puxeran por atrás ás peroas maiores rabos ou lárgalos de papel ou de trapos, que lles predían na roupa cun alfinete. Mais ben costume da cidade que da aldea, era un pouco exposta pois, a pouco que se descoidase o que pretendia poñelo, podía apañar unha boa labazada. Despois de posto o rabo, os rapaces apupaban en coro ó que o levaba, facendo rir á xente.
Os ferreiros, follalaterios e outros oficios que traballan con lume gastaban a broma de quentar, hasta que non se puidera resistir, unha moeda de prata e deixala cair na rúa dkiante da tenda. Logo, maestro, oficiais e aprendices divertíanse co susto e coas visaxes dos que se baixaban a collela. Outros collían un duro falso e clavábano moi forte entre as pedras do enlousado da rúa. Si esta era de pouco tránsito, sempre había algún pobre home que créndose afortunado facía heroicos esforzos por erguer a moeda entre a chufla dos que estaban á esperita.
As bromas do Entroido son tantas que non se poden contar. Foi de moita usanza o convite con larpeiradas engañosas: doces aos que lles botaban calquera cousa amarga ou picante, ou nos que metían pedras, paus, papeliños e, nalgúns casos máis bárbaros, excrementos. Un dos platos do Entroido son as orellas de frade, feitas cunha pasta de fariña, leite e ovos, fritidas na tixola; sóense preparar algunhas meténdolles estopa dentro, para embromar á xente ou para ver a quen lle toca a que leva as estopas; o que lle bota os dentes empeza a turrar, estirando as estopas e enchéndose o bico delas entre as risas dos demais.
Un chasco brutal que adoitaban dar ós grandes borrachos consistía en metelos nunha aposta a que non eran capaces de beber dun gulapo un gran xerro de viño; de que a víctima aceptaba, botábanlle no viño, sen que il o vise, un rato morto, e de varios contan que tragaron o rato sen se detacaren.
Nas aldeas adoitan tamén mandaren cartas de broma; por exemplo en Rodeiro debuxan un burro nun papel e póñenlle debaixo a coñecida lenda:
Burro soy, patas tengo más burro es quien me está leyendo.Todas estas bromas do Entroido teñen un verdadeiro carácter sagrado no terreo da boa crianza e do trato social, non somentes entre as persoas de clase superior senon tamén entre as camadas inferiores. As bromas do Entroido hainas que aturar, por pesadas que sexan, por máis que sexan procaces, ferintes, insultantes ou groseiras. A mala educación consiste xustamente en levalas a mal ou enrabecharse por elas. Non está permitido entre persoas ben criadas o desbotalas ou responder violentamente de palabra ou de obra. Unha das nosas informantes, referíndose á vila de Laza e máis ás aldeas veciñas, expresa esto moi ben: “`polas rúas adiante botan fariña, farelos, feila e borralla uns ós outros co cual deixan o máis enloitado tan branco como a neve, e non hai que se queixar, anque por dentro quede a procesión; ten que poñer cara de risa a quen tal obsequio lle faga. E cantas veces na borralla tamén van brasas!. Mais son “cousas do Entroido” e hai que levar a broma e calar moi caladiño. Anque faga un sol que queime compre levar o paraugas aberto: dende os corredores e dende as ventás aquelo é un ataque continuo de borralla e se se ofrece tamén chove enrriba, mollando a un de pés a cabeza. Pero son cousas do Entroido e hainas que rir”.
Costume do Domingo Corredoiro, na cidade e na aldea, é o xogo das olas. Póñense en rolda homes e mulleres indistintamente (en Ourense témolo visto xogar sempre a mulleres soas), collen unha ola de barro das que serven para ir a buscar auga a fonte e tírana uns aos outros, debendo aquel a quen lla botan recollela sen que lle caia, pois o que a deixa caer e escacharse perde. Son moitos os que entreteñen deste xeito a tarde do Domingo.
Polo derradeiro, hai outra que ten bastante importancia: a de correr o galo. En moitos lados os que corren o galo son os nenos das escolas e a usanza ten moitísimas variantes.
Xoves de Comadres
Neste día repítese a ceremonia do Xoves de Compadres, como dixemos, somentes que agora son as comadres as que se queiman.
Temos informes de que nalgures as mulleres tiñan que esconder as rocas de fiar e outros trebellos, para que non llos queimasen.
Domingo de Entroido
É o primeiro dos tres días clásicos de Carnaval (os Carnavales). En moitos lugares (Lalín, Dozón, Castro Caldelas, etc.), chámanlle o Santo Entroido, e neses tres días, en case todos os lados, está prohibido traballar. Inda pode haber unha miga de licencia o Luns, máis de ningún xeito o Domingo e o Martes. A quen pillen traballando, póñenlle diversas penitencias; a máis común, unha multa consitente en pagar o viño ós que o descubriron. Nos arredores da vila de Ribadavia, ó que colleron traballando lévano deitado nunha escada de mau á súa bodega, e alí ten que lles dar ós aprehensores unha boa merenda e viño do mellor que teña, a fartar. En Larouco (Trives), lévano en hombros, e ten que pagar a merenda a todos os mozos. En Meda (Castroverde), lévano polas pernas á taberna e ten que pagar unha cuarta de viño e, se non o fai, lévano en procesión polos rueiros, “por non aceptar a Lei imposta polo pobo para todos”. A xustiza popular imponse deste xeito en defensa da tradición e das usanzas antias, o cual da a este costume un senso profundo e significativo.
As festas do Domingo e do Martes distínguense moi pouco. O menos que pode haber neses días é unha miga de baile, con música, gaita ou pandeiro. Polo regular, o Domingo, os mozos andan polas casas recadando cartos para a música ou para o gaiteiro, e cousas de comer para unha merenda. Moitas veces, á saída da misa do Domingo, xa escomeza a troula, e preséntanse xa as máscaras. Cando non, é despois de xantar. Hai sitios onde a cousa redúcese a visitaren as casas e mais os fiadeiros.
Vicente Risco en “Etnografía” da HISTORIA DE GALICIA, dirixida por Ramón Otero Pedrayo.