Sermón e Xuizo do Antroido 1992 no Val de Francos
SERMÓN
1.- Sermoneiro
Boas tardes ós maiores,
ós pequeniños tamén,
ás rapaces e ós rapaces,
non quero deixar ninguén.
Desexo que todos xuntos,
unidos en irmandade
pasemos ben esta festa
con moita felicidade.
Xa que tres pobos se uniron
con unha gran ilusión
nunha tarde de harmonía
fan esta celebración.
O predicador desta festa
sempre tivo condición
de criticar varias cousas,
esto ven de tradición.
Como é moi natural,
de que falar sempre hai:
unhas veces é dos fillos
e outras veces de seu pai.
Antes víñase a cabalo,
agora en locomoción.
¡Que transporte tan moderno!
¡Astra ten televisión!.
Encontrei esta rapaza,
cando viña aquí chegando.
ela veuse caa a min
e eu tamén funme arrimando.
Preguntoume no momento
se iba prá romería,
se podía vir comigo.
¡Xa ven! ¿Quen se negaría?
Ela, por ser muller,
algo tamén quer falar,
o difícil poderá ser
logo facerlle calar.
2.- Sermoneira
Eu se veño cara aquí,
porque souben algo desto,
vin defender ás mulleres.
prós homes esto é molesto.
Vós, da nosa dignidade
sempre tedes que falar,
e tedes cousas os homes
que non se poden calar.
Empezando polos novos:
botan na cama astra as dez,
se os chamas un pouco antes,
descomponse a solidez.
3.- Sermoneiro
Sempre os hai que falan moito
da bondá dos fillos deles.
o fillo anda ben portado,
e os pais igual ca peleles.
Traballan todos na casa,
eles nonos molestar para nada.
¡se lles mandas facer algo,
xa ves cara de empanada!.
En canto acabas o día,
e queres repousar a cena,
se vas ver un pouco a Tele,
¡xa che cambian de cadena!.
Nin siquera o que che gusta
debes ter dereito a mirar.
mándante cedo prá cama
porque has ter que madrugar.
Eles miran o que queren,
van a onde lles da a gana.
Se non hai folclore ó gusto,
hai que apousar noutra rama.
O que fan os vellos na cassa,
non lles chega a nada todo.
Haivos que ter moita pasta
pra aguantalos deste modo.
Vai frenando pouco a pouco,
non te debanees tanto,
Hai mulleres case á feito
que van en máis adianto.
Empezando polas novas
que con todo o seu orgullo
xa non saben que facer,
¡é que lles pega o gurgullo!.
E a mitade desta tolemia
inducida é polas nais:
facer cousas anovadas
por deixar mal ás demais.
Tanto as compoñen ás veces,
que as deixan descoñecidas,
entre embadurnar o bico
e outras cousas parecidas.
Coas espeteiras que amosan
para expoñerse no vaguexo,
e ¡que capas de barnices
tapan aqueles pelexos!.
Unhas saias tan rabenas,
nin que sempre fose vran.
entre xeadas e típulas,
vai quedar sen herba o prao.
E pola igualdade de dereitos
usan un vocabulario
do que se avergoñarían
os que fan o diccionario.
4.- Sermoneira
Son bastante comedida.
Escoitei o das mulleres;
pero vexo moitos homes
que deben ir ós talleres.
Penso que lles falta algo
ou están idiotizados.
Hai que repararlles o cambio
ou serán incapacitados.
Algún despois de casado
pensa que está todo feito
e ó cabo de medio ano,
xa non anda nada ó dereito.
Non hai nin quen os ature,
¿Cómo ela estará contenta?
Xa que por calquera cousa,
recrudécese a tormenta.
As mulleres, moitas veces,
temos que limpar a casa,
facer traballos de fora,
i eles metidos na tasca.
E, se por un casual,
un dia se afumou o caldo:
ti non sabes facer nada,
mellor estaría solteiro.
Ti non fales mal das mulleres,
que teñen abondo sufrimento.
Empeza a ocuparte un pouco
deste noso axuntamento.
5.- Sermoneiro
¿E que queres que che diga?.
Estano rehabilitando.
Seique vai quedar moi ben
pró alcalde e o escribano.
Hai quen nunca está contento
da actuación municipal;
e pra conceder o voto
pide asfalto no curral.
Do alcalde e os seus secuaces
nada hai que criticar,
tanto teñen que facer,
non paran nin pra cobrar.
Están medio arrecullados
os poucos da oposición,
prometen que moito farían
se tivesen o timón.
6.- Sermoneira
Eu quixera decir algo,
con máis ou menos razón;
que tamén as mulleres temos
dereito á participación.
Entre o tira e o afroxa
o tempo vaise pasando.
En lugar de facer obras,
imos indo e compangando.
Entrar en cousas de política
évos cousa delicada;
pois, ó criticar a uns
os outros sacan tallada.
Outra cousa diferente,
e dicen que sen malicia,
está na cuota do leite,
pra ruína de Galicia.
7.- Semoneiro:
Ós parlamentarios todos,
a pesar dos licenciados,
dez anos na agricultura
faríanos máis asisados.
Logo, despois, no parlamento,
falarían máis ó caso;
que non é igual dar á lengua
ca doblegar o espiñazo.
8.- Sermoneira
A min faime moita gracia
o favorcismo que nos fan;
outorgannos un tanto por cen
como se lle deran pan ó can.
Xa nombraron dúas ministras,
afirman con presunción,
esquecendo que poden selo
por lei da Constitución.
9.- Sermoneiro:
De todo esto que se dí,
algunhas non son verdades;
pero pode cambiar o conto
e seren puras realidades.
10.- Sermoneira:
O Antroido, polo visto,
een facer mal é no que pensa.
Como carga ben coas culpas,
¿para que poñerlle defensa?
Autor: Serafín de Tito
Predicadores: Serafín e Ana de Valente
Antroido do 1992
-------------------------------------------------------------------------
Xuizo do Antroido 1992
Defensor (1)
Despois de bastantes anos
volvín hoxe a visitar
estes formosos pobos:
Balmonte, Goberno e Ansemar.
Veño aló da Mariña,
a onde fun emigrar,
pero da miña terra
eu non me podo olvidar.
Cando viña por Begonte,
a mediados de camiño,
encontrei con este amigo
que lle chaman Antroidiño.
Pregunteille para onde ía
e respondeu moi formal,
vou para o Val de Francos,
onde me queren xuzgar.
E veño aló de Santiago
de pedir unha autopista
e tamén pasei a Fraga
ó Partido Socialista.
Lévolles unha noticia,
que empeza a ser normal:
Entra Santiago Carrillo
no Partido Popular.
Pregunteille, xa que logo,
por que o querían xuzgar
por atacar ás mulleres
e por contrabandear.
Ten cuidado, aconselleille,
desconfía dos amigos,
que non vaian acusarte
de tenencia de explosivos.
Aínda ben non chegamos,
presentouse o acusador,
aí o tedes, meus amigos,
con fumes de gran señor.
Acusador (2)
Xa hai uns cantos meses
que lle ando tras da pista
e funme tropezar con el
aló na terra da chispa.
Se lle dixera o contrario,
nadie o había de crer,
pois para botarlle o guante,
moito nos deu que facer.
Marchou ós Estados Unidos
Aquelo non vos foi broma,
e dedicouse a aprender
a trasplantar silicona.
Logo, veu para Barcelona
se non se ve non se cre,
quería experimentar
con Montserrat Caballé.
Non deu conseguido nada,
pois saía caro o invento,
queríalle catro millóns
Por restaurarlle un só peito.
Defnsor (3):
Os trasplantes noutros tempos
saíanche ben baratos:
pois metíanse nos xustillos
unhas presadas de trapos.
Por estas cousas tan pequenas
non se xuzga a ningún home,
eu tamén ando polo mundo,
e cada un fai o que pode.
Acusador (4):
Xa antes militou na Eta
e no exército guerrilleiro
e despois de todo iso,
aínda era mullereiro.
Defensor (5):
O peor deste rapaz
é entrar en banda armada,
que iso de ser mullereiro
hoxe non conta para nada.
Témolos entre nosoutros,
non é boa cazaviña,
engolesman a carne nova
aínda que seña coa tiña.
Por iso pido ás mulleres
solteiras e máis casadas,
pidan a libre absolución
pró restaurador de fachadas.
Acusador (6):
Este non ten salvación,
por traidor e por guedellas,
por atacar ás mulleres
igual có lobo ás ovellas.
Agora pretendo acusalo
á vista de toda a xente.
Xa hai moito que o coñezo
e non vos é inocente.
Ha morrer carbonizado,
xa volo dixen primeiro,
este non sale con vida
deste campo de Choqueiro.
Defensor (7):
Eu non podo facer máis,
meu amigo e meu amado.
só lle pido para ti a Deus
que te colla confesado.
Autor:
Edelmiro de Valente
Dixeron: Edelmiro e Manolo de Carral.
Edelmiro de Valente